O seu discurso centrouse no “longo camiño de transformación” da profesión
Milagros Fernández ingresa na Academia de Enfermaría de Galicia
A nova académica de número é directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense
O Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense acolleu este mércores pola tarde a sesión solemne de recepción e investidura de Milagros Fernández como académica de número da Academia de Enfermaría de Galicia. A directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense centrou o seu discurso de ingreso na Enfermaría: un longo camiño de transformación.
Académicos e académicas, autoridades sanitarias, representantes da Universidade e autoridades civís asistiron ao acto de investidura, que foi inaugurado polo presidente da Academia de Enfermaría de Galicia, Isidoro Rodríguez, e incluíu a lectura da acta de nomeamento por parte da secretaria xeral da Academia, Miriam Vázquez, así como o discurso de contestación da académica de número María Reyes Pérez. O acto contou coa asistencia de membros da comunidade universitaria do campus de Ourense, entre eles as e os responsables de diferentes escolas e facultades do campus de Ourense.
Durante a sesión, Milagros Fernández pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado Enfermaría: un longo camiño de transformación, no que abordou a evolución da profesión enfermeira e os seus principais retos desde unha perspectiva histórica e académica. Na súa intervención salientou a necesidade de recoñecer a enfermaría como unha disciplina esencial. "A súa relevancia radica na gran responsabilidade que implica, sustentada en valores fundamentais como a seguridade, a ecuanimidade, a transparencia e o traballo colaborativo, piares que guían o noso labor diario", indicou. No seu discurso chamou a "lexitimar o status da enfermaría e garantir a súa inclusión plena na toma de decisións en todos os ámbitos, incluído o académico".
Unha dilatada formación e traxectoria
Milagros Fernández formaba parte ata o de agora da Xunta de Goberno da Academia como vicetesoureira, pasando con este acto a integrarse como académica de número. No seu dilatado currículo están: posgrao de Xestión de Enfermaría en ESADE, na escola de negocios vinculada á Universidad Ramon Llull; posgrao en Enfermaría Legal e Forense na Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED); licenciatura en Antropoloxía, con especialidade en antropoloxía da saúde, na Universidade Católica de San Antonio; Mestrado Universitario en Prevención de Riscos Laborais e posgrao de Liderado Enfermeiro na Universidad de La Rioja. A súa tese de doutoramento, que acadou a cualificación sobresaliente cum laude, foi realizada na Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo e levou por título Avaliación da efectividade dun programa de actividade física universitario. Enfermeira especialista en pediatría, no ano 2017 foi nomeada directora da Escola Universitaria de Enfermería, cargo que ocupa na actualidade. Foi titora dun total de 27 traballos de fin de grao e participou en máis de 50 congresos e xornadas organizados por diferentes institucións.
