DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Maribel del Pozo participou en diversos eventos e reuniuse con responsables educativos 

Miles de estudantes de Brasil, Arxentina e Chile descobren a oferta e potencialidades da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 21/11/2022

Durante as dúas últimas semanas miles de estudantes de Brasil, Chile e Arxentina tiveron ocasión de descubrir a oferta formativa da UVigo, co gallo da celebración da 46 edición de Reditec (Reunião Anual dos Dirigentes das Instituições de Educação Profissional e Tecnológica) en Brasil; FIESA (Feria Internacional de Educación Superior Argentina ) 2022; e a feira Estudiar en España, organizada por Sepie (Servicio Español para la Internacionalización de la Educación), celebrada en Chile e Arxentina. A vicerreitora de Internacionalización da UVigo, Maribel del Pozo, e a técnica de Captación de Alumnado, Ana Caamaño, foron as encargadas de representar á UVigo nestes eventos aos que a institución académica viguesa asistiu, co obxectivo de incrementar a captación de alumnado procedente deses países, así como reforzar relacións con institucións académicas brasileiras, chilenas e arxentinas.

En Belém do Pará (Brasil), no marco de Reditec, celebrouse unha xuntanza coas e cos reitores dos institutos federais que forman o Consejo Nacional de Institutos Federais (Conif) cos que a UVigo asinou un convenio para que sexan socios colaboradores de ATHENA. “A rede de institutos federais agrupa en Brasil a máis de 40 centros que suman máis de 600 campus, nos que se imparte ensino público e gratuíto desde Secundaria ata doutoramento”, explica Del Pozo, que tamén destaca da súa estancia en Brasil a xuntanza co agregado da Consejería de Educación da Embaixada de España no país suramericano. “Falamos da posibilidade de que nos axuden coa captación de alumnado, porque eles teñen moito contacto con escolas de Secundaria e dinnos que o estudantado brasileiro ten moito interese en estudar unha carreira en Galicia e Vigo resúltalles un destino moi atractivo”, explica a vicerreitora, que lembra ademais que moito deste alumnado que ten familia galega, podería optar ás bolsas BEME (Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior) da Xunta. 

Feira Estudiar en España en Chile e Arxentina

Entre o 11 e o 12 de novembro no Centro Cultural de España en Chile, e o 14 de novembro, no Club Español de Bos Aires, celebrouse a feira Estudiar en España, organizada polo servizo de internacionalización do Sepie (Servicio Español para la Internacionalización de la Educación). A técnica de Captación, Ana Caamaño, foi a representante da UVigo na feira chilena, na que se celebrou unha presentación de seis universidades españolas con outras tantas do país suramericano para fornecer relacións “e crear sinerxías para a sinatura de novos convenios de colaboración e por en marcha accións relacionadas cos programas Erasmus+”. O posto da UVigo na feira recibiu a visita de preto de 500 estudantes, interesados nos procesos de acceso a estudos de grao e mestrado, principalmente. “Houbo moito interese en canto ás titulacións e tamén polos prezos, posto que son moi competitivos en relación á realidade de estudos universitarios chilenos”, explica Caamaño, que sinala que, outras moitas consultas recibidas foron relacionadas con bolsas e o custo medio da vida en España.

Pola súa banda, a feira Estudiar en España, celebrada en Bos Aires, incluíu unha sesión de traballo con universidades arxentinas e a participación da UVigo cun posto, xunto a outras institucións de educación superior españolas.“Máis de 4000 persoas participaron na feira e moitos estudantes manifestaron o seu interese en vir a estudar á UVigo,” explica Maribel del Pozo, que destaca que no marco desta feira volveu a poñerse de manifesto “os moitos atrancos que en España se lle pon ao alumnado estranxeiro, tanto no acceso, como na convalidación dos seus estudos, polo que cómpre avanzar neste tema”, asegura a vicerreitora.

FIESA 2022 en Mar del Plata

Coa participación na Feria Internacional de Educación Superior Argentina (FIESA 2022) rematou o pasado venres 18 de novembro en Mar del Plata a participación da UVigo nas feiras celebradas en Brasil, Chile e Arxentina nas últimas dúas semanas. O evento celebrado entre o 15 e o 18 de novembro e organizado pola Universidad Nacional de Mar del Plata, “é unha gran feira de educación superior que busca xerar redes de cooperación entre os participantes, innovar, compartir boas prácticas de internacionalización e desenvolver valores e competencias globais”, explica Del Pozo, que destaca o interese manifestado polas universidades arxentinas en establecer convenios e proxectos de cooperación conxuntos coas súas homólogas españolas, entre elas a UVigo.