DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A aplicación de atlanTTic e Samsung logra detectar precozmente o deterioro cognitivo grazas á IA

'The Mind Guardian' recibe o Premio Amtega ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais na Noite Galega das Telecomunicacións 2025

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI 27/06/2025

A XXIX edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, recoñeceu nas últimas horas o proxecto The Mind Guardian co Premio Amtega ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais 2025, un  galardón que destaca o compromiso da innovación tecnolóxica coa mellora da calidade de vida, especialmente en contextos sociosanitarios e con poboacións vulnerables. Desenvolta polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, e Samsung España, The Mind Guardian é unha app gamificada para tabletas Android que permite detectar signos temperás de deterioro cognitivo antes da aparición dos primeiros síntomas. Baseada en intelixencia artificial, acadou unha precisión do 97% nos seus resultados, e xa demostrou un impacto positivo ao diminuír ata nun 40% os efectos das demencias en persoas maiores de 55 anos.

O xurado do premio destacou a súa especial relevancia en contornas con poboación avellentada e dispersa, como Galicia, onde esta tecnoloxía facilita unha atención temperá e accesible para a prevención de enfermidades como o alzhéimer.

Cando o traballo de laboratorio chega ao gran público

Os investigadores de atlanTTic, Manuel Fernández Iglesias e Luis Anido Rifón, foron os encargados de recoller o galardón, expresando o seu agradecemento en nome de todo o equipo do proxecto. “Este premio é especialmente significativo para nós porque, en certo modo, é a constatación de que o traballo que facemos no laboratorio pode chegar ao gran público, e que o traballo de investigación con impacto nas persoas pode realmente chegar a elas”, sinalan.

A gala de entrega de premios, celebrada no Gran Hotel da Toxa do Grove, estivo presidida pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e contou coa asistencia de máis de 130 profesionais do sector. Tamén participaron representantes da Amtega e da Xunta de Galicia, así como destacadas figuras da enxeñaría de telecomunicación e do tecido tecnolóxico galego. O decano do Colexio e presidente da Asociación, Julio Sánchez Agrelo, subliñou que este tipo de proxectos exemplifican como a enxeñaría de telecomunicación é clave na construción dun futuro dixital, seguro e socialmente comprometido.

Ademais do premio a The Mind Guardian, tamén foron recoñecidos o enxeñeiro Alfonso Juan Álvarez Villamarín, CEO de Cellnex España, co Premio Enxeñeiro do Ano, e a corporación Hijos de Rivera co Premio Socio de Honra.