DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrada esta fin de semana no Auditorio do Concello de Outes

A miniserie do proxecto Desafíos do Océano estréase na V Mostra Internacional de Cine Documental Mares do fin do mundo

Tamén se proxectou en competición oficial outra peza vinculada coa UVigo: 'Atalia/Piueiro'

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 31/10/2022

Tras varios meses de traballo, esta fin de semana proxectouse por primeira vez en público a miniserie documental Desafíos do Océano, un proxecto audiovisual de seis  capítulos protagonizados por outras tantas investigadoras do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar. Tras a súa presentación en sociedade o mes pasado nun acto para medios de comunicación, a serie comezou a súa andaina por festivais este sábado na V Mostra Internacional de Cine Documental Mares do fin do mundo celebrada no Concello de Outes. 

Este documental é o resultado do proxecto que leva o mesmo nome, Desafíos do océano: científicas ao mando, desenvolvido pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia e Innovación, FECYT. A miniserie consta de seis capítulos de aproximadamente 15 minutos de duración protagonizados polas investigadoras do Campus do Mar Celia Olabarria (CIM-UVigo), Lucía Viñas (IEO), Ana Bernabeu (CIM-UVigo), Marta Álvarez (IEO), Silvia Torres (Cetmar) e Carmen González Sotelo (IIM-CSIC). En cada unha das pezas, as científicas abordan temas como as especies invasoras, os plásticos mariños, a erosión costeira, a acidificación oceánica, os eventos extremos e a sostibilidade da pesca. O obxectivo é dar a coñecer a investigación que desenvolven as mulleres científicas arredor de temas de actualidade no eido das ciencias mariñas a nivel global e que constitúen desafíos de futuro para os océanos, o planeta e a humanidade. 

Tres capítulos e un debate

Desafíos do océano estrouse no marco da sección Proxeccións especiais da mostra Mares do fin do mundo pero, razóns de tempo, proxectáronse unicamente tres dos seis capítulos, os que abordan a erosión costeira, da man da investigadora do CIM-UVigo Ana Bernabeu; a sostibilidade da pesca, con Carmen González Sotelo, do IIM-CSIC e o que analiza a presenza de microplásticos nos océanos, con Lucía Viñas, do IEO. 

Na estrea estiveron presentes o director do Campus do Mar e do Centro de Investigación Mariña da UVigo, Daniel Rey; a xestora do Campus do Mar, Noelia Estévez; a profesora e investigadora do Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental do Centro de Investigación Mariña da UVigo Ana Bernabeu e a integrante da equipa técnica de realización audiovisual Claudia Alonso. Todos eles participaron tras a proxección dun coloquio co público asistente.

Proxección a concurso de Atalia/Piueiro, de Xisela Franco

A estrea de Desafíos do océano non foi a única presenza que a Universidade de Vigo tivo nesta mostra internacional de cine documental, xa que a directora e profesora da Facultade de Belas Artes Xisela Franco presentou a concurso Atalia/Piueiro, un documental nacido no marco do proxecto Atlantic CultureScape. Esta é unha iniciativa na que están implicadas seis rexións do arco atlántico (Galicia, Cantabria, Andalucía e Río Maior en Portugal así como zonas de Gales, Irlanda e Irlanda do Norte) e na que a Universidade de Vigo coordina a parte a parte galega, centrada na posta en valor do patrimonio intanxible da vila da Guarda e no concepto de "atlanticismo”. Neste contexto Xisela Franco creou esta peza documental, que supón unha aproximación ao mundo do mar dende a etnografía experimental, unha mestura entre o documental e a poesía. Comprende dúas partes, unha delas en colaboración coa Asociación de Redeiras do Baixo Miño ‘Atalaia’ na que dá a coñecer este oficio tradicional e feminino, e unha segunda da man da Asociación de Embarcacións Tradicionais ‘O Piueiro’, na que se achega ao traballo das carpinterías de rebeira.