DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor confirmou que a institución académica viguesa agarda tamén a participación da Xunta

O Ministerio de Ciencia e Innovación implícase no proxecto de cooperación internacional de nanosatélites que lidera a Universidade de Vigo

GEOID creará unha constelación de satélites en cooperación con países en vías de desenvolvemento

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría/D.Besadío DUVI 18/03/2010

Un millón de euros é a cantidade que o Ministerio de Ciencia e Innovación achegará á Universidade de Vigo para que a institución poda desenvolver o seu traballo como responsable europea do proxecto que a Axencia Espacial Europea (ESA) achega ao programa Humsat e que ten como obxectivo a creación dunha constelación de nanosatélites en cooperación con países en vías de desenvolvemento e aplicacións en comunicacións, telemedicina, monitorización de cambio climático e educación. O compromiso do Ministerio de Ciencia e Innovación foi confirmado polo reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, nunha comparecencia pública na que demandou a participación da Xunta no consorcio que fará viable economicamente o proxecto que ten un custo total de 2 millóns de euros para os vindeiros catro anos. Na comparecencia que tivo lugar este xoves, Fernando Aguado, profesor e investigador da ETS de Telecomunicación, destacou o “carácter transversal do proxecto” que lembrou está aberto á participación das entidades interesadas.

Agrupamento para a viabilidade económica do proxecto

O proxecto no que xunto á Universidade de Vigo participan a californiana de Calpoly, a Autónoma de Méjico e o CRECTEALC (Regional Centre for Space Science and Technology Education for Latin America and the Caribbean) e que conta co aval da ONU, logrou o apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación a través do xestor de programas aeroespaciais e de dous direccións xerais que expresaron segundo Gago que “crían absolutamente no proxecto”, confirmado a súa participación nel cunha cantidade arredor dun millón de euros. “Agora hai que buscar outro millón”, confirmou Gago “un proceso no que o Concello de Vigo xa expresou a súa intención de participar e no estamos traballando cunha entidade privada, cuxa identidade non vou revelar”. En canto á participación da Xunta no proxecto que tamén contempla a coordinación dun total de nove nanosatélites que serán lanzados ao espazo, o reitor confirmou que a institución académica leva tempo buscando esa colaboración a través da Dirección Xeral de I+D+i. “Dirección Xeral que tamén fala de retornos”, dixo Gago “ o que ás veces nos leva cometer erros de apreciación que debemos solventar”, xa que segundo o reitor os retornos nun proxecto deste tipo non son inmediatos, “pero o que non transite por ese camiño non estará en condicións de imaxinar a explotación comercial destas tecnoloxías. Este é o tránsito que hai que seguir para que nalgún momento na Universidade, pero tamén en Galicia nos sinalicemos nun sector de actividade económico onde é moi custoso entrar”. Aínda así, Gago manifestou o seu optimismo sobre a viabilidade económica do proxecto no que a dimensión do consorcio responsable do seu financiamento “vai depender da implicación dos socios e non tanto das cantidades económicas”, unhas cantidades que o reitor cualificou de “mínimas”.

Transversalidade con aplicacións reais en nanosatélites

Na súa comparecencia Fernando Aguado destacou o carácter transversal do proxecto no que participan unhas 70 persoas entre persoal docente e investigador e alumnado das escolas de Industriais, Telecomunicación e Informática e a Facultade de Ciencias. Aguado que destacou que GEOID é unha plataforma de proba baseada en Humsat que a Axencia Espacial Europea pretende lanzar para dar soporte ao proxecto, avanzou que “esta é a primeira misión con aplicacións reais en nanosatélites”. Países como EEUU, Ecuador, Colombia, Rusia, Sudáfrica, Nixeria ou Malasia xa manifestaron o seu interese no proxecto que conxunta a cooperación internacional fomentando o desenvolvemento de tecnoloxías aeroespaciais en países en vías de desenvolvemento e tamén a monitorización e creación dunha rede de sensores terrestres que se comunican vía satélite para o control de cambio climático con cobertura dixital.
A rede composta por polo menos 18 nanosatélites garante segundo confirmou Aguado “que todos satélites pasan polas diferentes partes do mundo e tamén do mar, o que outorga unha cobertura global que permite aos países que se involucren deseñar sensores específicos en función das súas necesidades”. Aguado que felicitou e agradeceu a participación de todo o persoal investigador, docente e alumnado da Universidade e Vigo involucrado no proxecto, manifestou a súa expectativa de que este sexa una realidade en 2014.

O froito dun traballo en equipo

A sala de xuntas na que tivo lugar a presentación do proxecto converteuse este xoves nun bo reflexo do carácter multidisciplinar do proxecto no que traballan man a man docentes, investigadores e estudantes das diferentes escolas e facultades, achegando desde a súa especialidade o coñecemento necesario.
O profesor José Antonio Vilán, da Área de Enxeñaría Mecánica, destacou que se trata dun proxecto “moi complexo no que se precisa a colaboración de sectores tecnolóxicos moi distintos”. Vilán dirixe o grupo CIMA, Centro de Enxeñaría Mecánica e Automoción, onde se está a deseñar a parte mecánica do satélite, “trátase de desenvolver a estrutura e todos os elementos mecánicos móbiles, desde o sistema de despregue de antenas e paneis solares ata outros dispositivos que tamén son necesarios”.
O deseño de antenas é tamén outro dos puntais fundamentais. “Aquí o obxectivo é conseguir, por unha banda, que non ocupen espazo útil e, pola outra, garantir que o enlace coa terra sexa fiable”, subliñaba outro dos investigadores do proxecto, o profesor José Luis Rodríguez do Grupo de Antenas, quen tamén destacou a importancia de implicar ao alumnado no proxecto, “moitos dos estudantes fixeron deseños curiosos que tamén tiveron o seu interese”.
A cargo de garantir que o produto que se cree sexa seguro e de calidade está o profesor de Tecnoloxía Electrónica, Jorge Marcos Acevedo, quen admite que, aínda que o proxecto ten puntos en común con outras cousas que poden estar facendo “a aplicación é totalmente distinta”. Para Arno Formella, profesor e investigador da ETSE Informática, “o desafío é facer algo simple e funcional ao mesmo tempo”, sinalaba en relación ao desenvolvemento do software do satélite.
Entre os asistentes á presentación había tamén alumnado que ben acababa de rematar, outros está facendo o proxecto fin de carreira, ou o doutoramento, pero “para todos nós é un soño participar no proxecto, ademais dunha gran oportunidade para implicarnos nun sector no que non é sinxelo entrar”.