DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto celebrouse tamén en Santiago de Compostela e A Coruña

Un minuto de silencio por Belén Cortés e unha concentración contra a precariedade laboral na educación social

Convocado polo colexio profesional, as facultades de Educación e sindicatos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 13/03/2025

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este xoves un minuto de silencio polo asasinato da educadora social Belén Cortés e unha concentración que baixo o lema A precariedade laboral mata reivindicou protección nos centros de traballo para estes profesionais. A protesta, que tivo lugar tamén en A Coruña e Santiago de Compostela, estivo convocada polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, as facultades de Educación das tres universidades galegas e sindicatos.  

No caso de Ourense, uníronse ao acto membros da comunidade universitaria (tanto alumnado como persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos) e profesionais vinculados á educación social. Tras gardar un minuto de silencio, Noelia Fernández, educadora social da Asociación Centro Trama Ourense, deu lectura ao manifesto do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia. Nel condenouse os feitos acontecidos en Badaxoz e trasladóuselle o pésame á familia e compañeiros e compañeiras de Belén Cortés.

Falta de medios

No manifesto lido, entre outras cuestións, indícase que “este momento debe servir para facer un traballo de reflexión e reparación necesaria neste sector. Queremos evidenciar a falta de medios técnicos e económicos que fai que o noso traballo estea desprotexido e en consecuencia, os dereitos dos nenos e nenas cas que traballamos, que precisan de profesionais que acudan a realizar o seu traballo con seguridade”.

A externalización constante de servizos que levan a cabo medidas xudiciais, recóllese no documento lido este xoves, “afecta gravemente á calidade da atención socioeducativa que require esta poboación e pon en perigo a profesionais que no día a día realizamos o noso traballo”. A educación social, recóllese no manifesto, como o resto de profesións do social “deben estar blindadas pola administración pública por isto queremos solicitar a inmediata toma de medidas que incorporen unha necesaria avaliación de cada un dos recursos de reeducación que temos no noso territorio para evitar que esta penosa realidade se repita e se implementen medidas e reforcen recursos que veñan a dar calidade e seguridade á profesión”.