DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense lembrou este xoves ao vicerreitor falecido

Un minuto de silencio en memoria de Manuel Ramos Cabrer

Ao acto asistiu alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 05/05/2022

En silencio. Así lembrou este xoves o campus de Ourense a Manuel Ramos Cabrer, vicerreitor de Ordenación Académica de Profesorado, falecido de forma repentina o martes. Alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos reuniuse para amosar o seu pesar pola súa perda e para renderlle homenaxe gardando un emotivo minuto de silencio.

“Nesta xornada de loito na Universidade de Vigo, quixemos renderlle a Manolo esta pequena homenaxe, sincera e calada, pero que nos sae do corazón”, sinalou Esther de Blas, vicerreitora en funcións do campus de Ourense. “Todos os que tivemos o privilexio de traballar con el valorábamos enormemente a súa capacidade de traballo e a súa empatía. Déixanos un baleiro enorme”, afirmou. Con ela gardaron un minuto de silencio os tamén compañeiros de equipo de goberno da UVigo Elena Rivo, Susana Reboreda e Miguel Ángel Michinel, ademais de responsables das diferentes escolas e facultades do campus de Ourense. “Toda a comunidade universitaria recoñece a valía de Manolo, non só a súa valía profesional senón sobre todo a humana, o seu talante conciliador, a súa capacidade de escoitar a todo o mundo. Perdemos unha gran persoa e un gran compañeiro, unha persoa que loitou moito pola Universidade de Vigo”, comentou Elena Rivo.