DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 27ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense celebrarase ata o 16 de maio

A Miteu arranca “a contrapé” coa actuación da Aula Universitaria de Ourense Rosaura

O grupo universitario percorreu este domingo o centro da cidade co seu espectáculo de rúa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 02/05/2022

A 27ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) arrancou este domingo pola tarde no centro da cidade coa actuación de rúa da Aula Universitaria de Ourense Rosaura, que representou o seu espectáculo A contrapé. Con ela deu comezo unha intensa programación que se prolongará ata o 16 de maio e que nesta edición contará con 17 espectáculos de compañías e aulas de teatro universitarias de catro países. Organizada por Sarabela Teatro, a mostra volve a ter o patrocinio e a participación da Universidade de Vigo, ademais da Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e Cervexas Esmorga.

A contrapé é unha acción de rúa, unha mostra en continua transformación, que arranca do traballo co corpo e co obxecto: articular, segmentar e unificar o movemento na busca dunha linguaxe que exprese como o cotián pode ser significado”, explican os responsables da peza. A obra é froito do traballo que ao longo do curso se realiza na Aula Universitaria de Ourense Rosaura, que forma parte da programación de extensión universitaria do campus de Ourense, e estivo dirixida desde Sarabela Teatro por Sabela Gago. O seu elenco estivo formado por Miguel Estévez, Sara López, Corina Álvarez, Gian Cacucciolo, Héctor Martínez, Elisa Maneiro, Alberto Medeiros, Marcos Vázquez, Alejandra Quijano, Candela López e Eva Tato. Ademais, na súa actuación polo centro da cidade contaron co apoio musical de Charanga Brexit.

Máis programación

A programación da Miteu continúa este luns no Teatro Principal de Ourense coa obra Encerrona, de Pepe Viyuela, "unha reflexión sobre o cotián desde a perspectiva do pallaso". Seguiralle o martes a presentación por parte deste actor e humorista do seu libro Bestiario del circo e coa representación no Teatro Principal de Ourense da obra Ecos do deshabitado, da Aula Universitaria de Ourense Cordelia.

Con estas propostas deu comezo unha Miteu que terá 17 espectáculos de xéneros diversos, desde o teatro de rúa ata o circo, ofrecidos por aulas e compañías procedentes de ademais de España, de Italia, Portugal e México. Aínda que a maior representación corresponde a grupos de Galicia, esta edición inclúe representacións procedentes de Madrid, Castilla y León, Navarra, Murcia e Catalunya, participando artistas como Pepe Viyuela (co espectáculo Encerrona) e Leo Bassi (con Yo Mussolini) pero tamén e sobre todo aulas de teatro de universidades como as de Vigo, Ourense e Pontevedra, Lugo, Navarra, Murcia e Burgos.