DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 31ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense clausúrase este venres

A Miteu baixa o pano concedendo o seu premio á Marcha Mundial das Mulleres en Ourense

Máis de 4000 persoas asistiron á vintena de espectáculos desta edición

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 08/05/2026

A programación da 31ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) clausúrase este venres no Teatro Principal coa entrega do seu premio á Marcha Mundial das Mulleres en Ourense e coa representación da obra Insurrección, da Aula de Teatro do Campus de Ourense Maricastaña. Desde o pasado 23 de abril e baixo o lema O espazo que ti habitas, o certame trouxo a diferentes espazos escénicos da cidade unha vintena de espectáculos aos que asistiron máis de 4000 persoas. 

Peche

A mostra, organizada por Sarabela Teatro e dirixida por Fernando Dacosta, contou nesta edición de novo co apoio da Universidade de Vigo, a Consellería de Cultura, a Deputación de Ourense (Teatro Principal) e o Liceo. Ás 20.00 h seralle entregado o galardón desta 31ª Miteu á Marcha Mundial das Mulleres en Ourense pola “súa implicación, o seu compromiso, o seu activismo, tan necesario en días como os que corren” e como “un recoñecemento ao seu labor necesario e fundamental para a nosa sociedade”. Desde a Miteu destacan obxectivos deste colectivo feminista como “fortalecer e manter un amplo movemento de solidariedade entre todas as mulleres e organizacións de base para que a Marcha constitúa un xesto de afirmación das mulleres do mundo”; promover a igualdade e a xustiza entre as mulleres e os homes, entre as propias mulleres e entre todos os pobos; e “seguir construíndo e fortalecendo un amplo proceso de educación popular onde todas as mulleres poidan analizar por si mesmas e para elas mesmas as causas da súa opresión, da súa discriminación e as posibles alternativas”. Igualmente sinalan accións levadas a cabo como as iniciativas Se é machista, non é xustiza; Construír espazos seguros libres de violencias machistas; Feminismo para mudalo todo; A loita contra a violencia obstétrica e a loita polo Servizo de Axuda no Fogar. 

Tras esta entrega e como xa é tradición, a clausura desta 31ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense correrá a cargo da Aula de Teatro do Campus de Ourense Maricastaña, que representará ás 20.30 no Teatro Principal a súa obra Insurrección, froito do traballo de todo este curso académico co equipo docente de Sarabela Teatro Fina Calleja, Sabela Gago, Flor Figueroa e Fernando Dacosta. Con dirección e dramaturxia do propio Dacosta e inspirada no libro Rebelión na granxa de George Orwell, na obra teatral participan os membros da aula Iria Losada, Diego Galdo, Vicki Reinoso, Paula Iglesias, Anabel, Miguel Solanas, Alba Gálvez, Óscar Castromán, Rubén Gómez, Carmen Blanco e Silvia Cortón. A peza trae ao escenario un grupo de persoas traballadoras que está sendo oprimido polo seu xefe. “A conciencia vai aflorando nese grupo ata que estoura a insurrección e conseguen facerse co control dos seus medios de traballo e de subsistencia. Conseguen o control sobre as súas vidas. A partir dese momento ábrese un tempo de esperanza que dá cabida ao repouso, ao traballo con sentido, a tempos para a música, para a danza, para o pensamento”, sinalan desde Maricastaña. Porén, a historia dá un xiro pois “hai quen se sente máis forte e con máis dereito a gozar do que é común e que, pouco a pouco, lentamente, vai cambiando as normas da colaboración e volvendo o lugar liberado nun lugar de explotación aínda peor que o que había antes”. A medida que a súa situación no traballo e nas condicións de vida empeora, e que os excesos dos que tomaron o poder son maiores, “a maioría vai esquecendo a revolta, vai perdendo a memoria pola propaganda incansable dos novos opresores, vai dividíndose, vai perdendo as forzas...”

Unha vintena de espectáculos

Con esta actuación péchase unha intensa programación que se desenvolveu en diferentes espazos da cidade, especialmente no Teatro Principal e no Liceo, e que, indican desde a organización chegou a máis de 4000 persoas, cunha media de arredor de 200 espectadores por representación, á falta de ter os datos definitivos. En relación con esta boa acollida por parte do público, Fernando Dacosta destaca que foi “unha edición de moito nivel teatral”, tanto das aulas universitarias como das compañías participantes. 

A programación desta edición arrancou o día 23 a cargo da Aula de Danzas do Mundo do campus de Ourense, que ofreceron no Liceo unha mostra interactiva de danzas do mundo e de danza de Palestina; e da Aula de Teatro do Campus de Ourense Rosaura, que representou nas rúas do centro da cidade o seu espectáculo Bocados. Tras esta apertura actuaron no Liceo ou no Teatro Principal aulas de teatro dos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense (Universidade de Vigo); dos campus de Lugo e Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), e das universidades de Pamplona, Burgos e da Beira Interior (Covilhã-Portugal). Ademais, na celebración da 15ª Xornadas de Danza que tivo lugar nesta 31ª Miteu houbo representación das tres universidades públicas galegas e de A Casa Vella. 

Fóra do ámbito universitario, a Miteu contou con actuacións de Teatro del Barrio, Marta Doviro, Teatro Anaqueronte (Perú), La Líquida e Paula Carballeira. E xa fóra da representación teatral, houbo un concerto de Iberican Roots. Por último, a formación volveu a ter un oco nesta edición da mostra con dúas actividades no campus de Ourense. Celebrouse un obradoiro titulado Laboratorio de creación, a cargo de Teatro Anaqueronte, e unha masterclass de Movemento: enerxía, factores e calidades, con Javier R. de la Varga (Teatro El Mayal-León).