DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro espectáculos integraron a programación dun ciclo recuperado despois de doce anos

A Miteu despídese de Pontevedra coa primeira montaxe da Aula de Teatro do campus

Presentaron ‘Nosa señora das nubes’ no Pazo da Cultura

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 29/04/2022

O pasado mes de novembro iniciaba a súa actividade na Facultade de Belas Artes a Aula de Teatro do campus, impulsada pola Vicerreitoría e a Concellaría de Promoción Económica e Universidades co obxectivo de recuperar o teatro universitario en Pontevedra. Tras varios meses de traballo baixo a dirección do responsable de Teatro de Ningures, Salvador del Río, as e os integrantes desta aula presentaron na noite deste xoves no Pazo da Cultura a súa primeira montaxe. A representación de Nosa señora das nubes, unha obra dirixida por Del Río, puña peche á XIII Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) de Pontevedra, recuperada neste 2022 despois de doce anos de interrupción.

A memoria e o exilio constituían os dous eixos temáticos da obra que levaron ao escenario 13 dos alumnos e alumnas dunha aula aberta á participación de toda a cidadanía. Escrita por Arístides Vargas, un autor arxentino que tivo que exiliarse no Ecuador por mor da ditadura militar que sufriu o seu país natal, trátase dunha peza que arranca co encontro, nun espazo e tempo indeterminado, de dous exiliados que, a partir de aí, van reconstruíndo o seu pasado lembrando os feitos que aconteceron na súa vila natal, Nosa Señora das Nubes. 

Irene Lumbreras, Diana Cidrás, Alexandre Souto, Mercedes Pardavila, Francisco Pernas, Carmen Durán, Uxía Couso, Natalia García, Laura del Carmen Alonso, Xulia Blanco, Rubén Ballesteros, Xiana García e Lara González foron os 13 alumnos e alumnas responsables de levar ao escenario unha montaxe que na noite do mércores estreaban na XXIV Miteu de Vigo. Un día despois, puñan o broche final á mostra de teatro universitario pontevedresa, que arrancou o mércores 20 coa representación de A Casa da forza por parte da aula da USC. Nas dúas sesións seguintes, a Miteu achegou a Pontevedra as montaxes das aulas teatrais dos outros dous campus da Universidade de Vigo. En primeiro termo, puido verse O parke do crespúskulo do grupo Maricastaña de Ourense, o xoves 21, mentres que este mércores 28 representouse Emigrados, da aula viguesa, antes de que os resultados finais do primeiro curso da aula do campus pontevedreses puxesen fin á mostra.