DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A estrea será o vindeiro mércores día 30 no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria

Miteu e festival Sonora’22 dan forma á programación cultural desta primavera

Os concertos celebraranse o 21 de abril e estarán protagonizados por bandas da nova música galega

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
D. Besadío DUVI 25/03/2022

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu, que este ano acada xa a súa XXIV edición, e o festival Sonora’22 volven ser as dúas grandes apostas da Universidade de Vigo para a súa programación cultural de primavera. As actividades arrancarán o vindeiro mércores 30 da man da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, que será a encargada de levantar o pano da nova edición da Miteu coa representación da obra Xeración C. A partir de aí, ata o vindeiro 5 de maio, o Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria acollerá múltiples representacións e concertos, gratuítos e abertos ao público en xeral. 

A cita grande coa música será o 21 de abril con Sonora’22, “que este ano chegará da man de dúas propostas da nova etapa da música feita en Galicia e que está sorprendo ao mundo”, tal e como explica o técnico superior de Actividades Culturais, Alfonso Caride, recalcando así, “unha vez máis”, a aposta da Universidade pola emerxente música galega, se ben, o cartel definitivo de Sonora’22 non se dará a coñecer ata próximas datas.

Regreso á Miteu das compañías de fóra de Galicia...

Tras dous anos de pandemia, a nova edición da Miteu supón o regreso á mostra das compañías de fóra de Galicia, algo que era clásico pero que as restricións sanitarias impediron nas últimas edicións. O regreso terá lugar coa compañía portuguesa Circulo de Iniciaçao Teatral da Academia de Coimbra, o 4 de maio, que representará a obra CaosTM, e coa Aula de Teatro da Universidad Pública de Navarra, con Arrabaladas, de Fernando Arrabal (Melilla, 1932), galardoado co Premio Nacional de Teatro en 2001, unha degustación de escenas que representan distintas fases da súa actividade profesional e creativa, desde a década de  1950 ata a actualidade.

... e debut da Aula de Teatro do Campus de Pontevedra

Este será tamén o ano no que se vai recuperar a Aula de Teatro do Campus de Pontevedra, coincidindo así na mostra as aulas de teatro dos tres campus da Universidade de Vigo. Os primeiros en actuar, o seis de abril, serán as actrices e actores do grupo Maricastaña, o nivel 3 da Aula de Teatro Universitaria de Ourense coa obra O parke do crepúskulo, dirixida por Fernando Dacosta e na que se reflexiona sobre o legal e o moral. A obra, que se estreou esta mesma semana  no 26 ciclo de Teatro Universitario da Beira Interiror -en Covilha, Portugal-, é unha inspiración libre da obra de Paul Auster Sunset Park, publicada en 2010, e na que se contan as relacións e a vida dun grupo de persoas que viven como okupas nunha casa abandonada en Sunset Park, Brooklyn.

A estrea da Aula Universitaria do campus de Pontevedra será o 27 de  abril coa obra Nosa Señora das Nubes, unha dramaturxia dirixida por Salvador del Río na que se tratan, fundamentalmente, dous temas: a memoria e o exilio. Cun elenco composto por trece persoas a peza arranca co encontro duns exiliados nun espazo e tempo indeterminado e, a partir de aí, van reconstruíndo o seu pasado lembrando os feitos que aconteceron no pobo do que son orixinarios: Nosa Señora das Nubes.

Baixo a dirección de Casilda Alfaro e Sonia Rúa, a Aula de Teatro Universitaria do campus de Vigo, representará o xoves 28 de abril a obra Emigrados, realizada a partir dos textos de Anxos Sumai, Candido Pazó, Sonia Torre, Suso de Toro e Xosé Manuel Pazos. Neste caso trátase dunha historia múltiple que, engarzada, constitúe un mosaico de pezas de distintos autores e autoras que dende o tratamento específico da migración, do retorno, do desarraigamento, compoñen un cadro xeral que que permite apreciar nidiamente o drama individual e social que supón estoutro xeito de “exilio”.

Estrea o mércores 30 con Xeración C

As diferentes representacións levaranse a cabo no Teatro Vidal Bolaño ás 18.30 horas. A estrea será o vindeiro mércores con Xeración C, unha dramaturxia da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, ESADG, dirixida por Sara Rey e cun elenco composto por Andrea Blanco, Iago Lavandeira, Nacho Pena, Yaiza Portela, Ana San Fernando e Sabela Solla. Partindo da pregunta E ti... onde estarías se mañá rematara o mundo?, o argumento xira en torno ás etiquetas ás que se adhiren as persoas ou que lle impoñen desde que nacen.