DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 17 edición desta mostra internacional desenvolverase do 22 ao 30 de abril no Pazo da Cultura

A Miteu levará ao escenario o potencial do teatro para reflectir “o que está pasando na sociedade” 

Con obras das aulas dos tres campus e de compañías de Portugal e Perú

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 13/04/2026

O Pazo da Cultura será neste 2026 o escenario da cita anual do teatro universitario do campus de Pontevedra. Promovida pola Vicerreitoría do campus coa colaboración do Concello, a 17ª Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) inclúe no seu programa cinco representacións, entre o 22 e o 30 de abril, a cargo das aulas e grupos de teatro dos tres campus da UVigo e de compañías de Portugal e Perú. Programados para as 20.30 horas e con entrada gratuíta, trátase de cinco espectáculos que permitirán promover unha reflexión sobre cuestións como “o absurdo das guerras”, pondo de relevo a capacidade do teatro para conectar “co que está pasando na sociedade”, como salientou na presentación desta mostra o seu coordinador, Jesús Salvador del Río.

“O teatro é unha maneira de pór cara a moitos dos problemas sociais que, lamentablemente, están agora en auxe”, engadía a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, quen definiu a Miteu como “un espazo de encontro entre a comunidade universitaria e á cidadanía”. A programación, apuntou, abrirase o 22 de abril coa representación de Tartufo por parte do grupo de teatro do campus pontevedrés. Ao día seguinte poderá a coprodución portuguesa Perpétuo Paredes, mentres que o martes 28 a aula teatral do campus de Vigo presentará Macbett; seguida o mércores 29 pola obra Insurrección, do grupo Maricastaña de Ourense. A programación pecharase o xoves 30 con Los muchachos olvidados de Dios, da man da asociación cultural Anaqueronte do Perú. 

De aí que Lantarón puxese de relevo que a Miteu “mantén e reforza o seu carácter internacional”, nunha edición que  tivo que trasladarse ao Pazo da Cultura por mor das obras de reparación do Teatro Principal, a raíz da caída de parte do falso teito no Concerto de Primavera do campus. De aí que o director da Área Adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, convidase “a toda a poboación de Pontevedra” a achegarse ata “o outro lado do río” para participar dunha mostra que, recoñeceu, “require dun esforzo importante tanto de medios humanos como materiais”.  

O grupo de campus abre a programación

A Miteu levantará o pano o vindeiro mércores coa adaptación realizada polo grupo de teatro do campus do Tartufo de Molière, “un dos grandes autores da dramaturxia universal”, lembrou Salvador del Río. Baixo a dirección deste actor e director e de Omar Ferrín, doce integrantes desta agrupación levará ao escenario esta comedia en verso, partindo da tradución ao galego de Henrique Harguindey. Neste punto, Del Río puxo de relevo o potencial da comedia como “unha ferramenta útil para a crítica do poder” ao longo da historia, así como as posibilidades que achega o teatro universitario á hora de levar á escena “obras de grandes elencos”. 

Como lembrou Lantarón, esta montaxe é o resultado do traballo desenvolvido no obradoiro e no grupo de teatro do campus, no que participan “persoas de diferentes idades, moitas delas de fóra da comunidade universitaria. Ademais de Pontevedra, este grupo presentará esta obra nas Miteu de Vigo e Ourense, así como na XVI Muestra Universitaria de Artes Escénicas da Universidad de Salamanca. 

Ao día seguinte poderá verse Perpéuto Paredes, un espectáculo teatral e musical inspirado na vida e obra do guitarrista portugués Carlos Paredes, impulsado polo Círculo de Iniciación Teatral da Academia de Coimbra (CITAC), o Teatro de Estudantes da Universidade de Coimbra (TEUC) e a Sección de Fado da Asociación Académica de Coimbra (AAC). Dirixida por Zé paredes, oito intérpretes e dous músicos combínanse nunha montaxe que incorpora fragmentos poéticos de Ana Nogueira, Antóno José Forte, Edmnundo Bettencourt e Fernado Pessoa.

Tres noites de teatro consecutivas

O martes 28 de abril chegará a quenda da aula de teatro do campus de Vigo, que presentará a súa adaptación, dirixida por Sonia Rúa e Casilda Alfaro, do Macbett de Eugène Ionesco, “un grande autor do teatro do absurdo”. Trátase dunha versión do Macbeth de Shakespeare, que empregando elementos da trama orixinal “evidencia o absurdo das guerras e da loita dos seres humanos polo poder”, salientou Del Río, que recoñeceu que se trata dunha trama que se atopa, “por desgraza, de plena actualidade”.

Ao día seguinte, o grupo Maricastaña do campus de Ourense presentará Insurrección, unha obra inspirada no libro Rebelión na granxa, de George Orwell. Con dramaturxia, escenografía e dirección de Fernando Dacosta, once actores e actrices representan a insurrección dun grupo de persoas traballadoras que está a ser oprimida polo seu xefe e que conseguen facerse co control dos seus medios de traballo e de subsistencia.

A Miteu baixará o pano o xoves 30 con Los muchachos olvidados de Dios, da asociación Anaqueronte. Escrita e dirixida por Javier Valencia Palomino, trátase dunha obra inspirada en testemuños dos conflitos internos vividos no Perú de 1980 a 2000. A montaxe, sinalou o coordinador da Miteu, busca dar voz ás historias de persoas “que se viron atrapadas entre a represión do estado e os grupos terroristas e paramilitares, quedaron illadas e non tiveron xustiza”. Nese senso, sinalou Del Río, trátase dunha “obra que fala da memoria” e que permite incidir novamente na capacidade do teatro como “foro de debate, de denuncia e de reflexión”.