DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Deixando unha reflexión sobre as consecuencias da migración

A Miteu vive a súa semana máis internacional

A mostra remata este xoves coa actuación do grupo costarricense Teatro Expressivo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 09/05/2019

A XXI edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario vive estes días a súa semana máis internacional. As derradeiras representacións da Miteu no campus de Vigo arrancaron este mércores no Teatro Roberto Vidal Bolaño coa posta en escea de Papá está en la Atlántida, a cargo do grupo mexicano Los Pinches Chamacos. Trátase dunha peza baseada no texto orixinal de Javier Malpica que, na súa concepción, estaba destinado a un público infantil pero que, debido as súas temáticas, centradas na familia e nas consecuencias da migración, foise abrindo a un público máis xeral. 

Baixo a dirección de Esteban Castellanos, a compañía mexicana achegou unha obra que percorre as aventuras de dous irmáns que, orfos de nai e cansos de non sentirse na súa casa, viaxan na procura do seu pai, que tivo que emigrar para poder ofrecer un futuro mellor aos seus fillos. A través desta viaxe, unha historia de orfandade, amor, loita e solidariedade, os espectadores que onte acudiron ao teatro da Cidade Universitaria puideron reflexionar sobre as consecuencias da migración nunha obra que os levou máis aló da Atlántida.

A Miteu baixa o pano ata o ano que vén

A XXI Miteu remata hoxe xoves coa posta en escena de La construcción del muro, unha peza a cargo da compañía costarriqueña Teatro Espressivo. Trátase dunha obra escrita polo premio Pulitzer Robert Schenkkan na que se deixa unha reflexión acerca dos problemas que se poden derivar dos discursos de odio cara os migrantes. A cita será de novo ás 18.30 horas no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria.