DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola UVigo en colaboración coa USC e o concello moañés, celebrarase o 19 e 20 de xullo

Moaña acollerá un congreso sobre xeopolítica e modelos de educación participativa

Abordará temas como o conflito de Gaza, o colonialismo verde ou a inclusión dos refuxiados ucraínos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Cooperación
  • Internacional
  • Investigación
DUVI 11/06/2024

Moaña acollerá os días 19 e 20 de xullo a primeira edición do Congreso de Xeopolítica Participativa, unha iniciativa impulsada pola Universidade de Vigo, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e o Concello moañés, que nace coa vocación de converterse nunha cita anual que cada verán congregue investigadores, estudantes e cidadanía interesados nestas temáticas.

O simposio foi presentado este martes na casa consistorial de Moaña pola alcaldesa, Leticia Santos, o investigador da UVigo Breixo Martins, e o catedrático do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela Rubén Lois. Baixo o título A xeopolítica e o sector educativo, “está dirixido a persoal investigador, á cidadanía en xeral e, especialmente, a persoas relacionadas co sistema educativo (pais e nais, as AMPA, profesorado, etc.) xa que o obxectivo é que calquera persoa poida debater e preguntar aos poñentes nun formato próximo e libre”, como explica Breixo Martins. 

A xeopolíticas máis aló dos medios e das redes

A idea de poñer en marcha este congreso, como explicaba Martins, xurde dunha cooperación previa entre as dúas universidades con entidades sociais, educativas e o concello de Moaña, que cristalizou, por exemplo, nun seminario o pasado verán tamén sobre esta mesma temática. Segundo Martins, “a idea é dar, dende a Universidade, unha visión realista e obxectiva sobre os acontecementos internacionais, xa que existe unha gran desinformación destes acontecementos que son da máxima relevancia actual”. O obxectivo é que sexa un evento rigoroso pero participativo, onde a cidadanía poida debater cos expertos universitarios e temos como meta que sexa un evento do máximo nivel científico pero coa participación social”.

Pola súa banda, o catedrático Rubén Lois, recoñecía que “é unha satisfacción poder vir por segundo ano consecutivo a falar de xeopolítica a Moaña e a idea é que cada verán teñamos unha actividade relacionada con esta temática, que non está demasiado traballada e sobre a que queremos crear un foro”. O programa, que pasa de un a dous días, é “moito máis forte e participativo” e como novidade, explicaba, “esta edición vincula a xeopolítica cos modelos de educación participativa, porque realmente a xeopolítica non é só o que aparece nos medios, os grandes acontecementos, como os de Gaza, senón que tamén é un proceso de aprendizaxe de como teñen que gobernarse os pobos e de como teñen que resolverse os conflitos internacionais.”  

Finalmente, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, agradeceu a implicación das universidades de Vigo e de Santiago de Compostela, e en especial a profesora da UVigo Maribel Doval, tamén coordinadora da iniciativa, para poñer en marcha este congreso en Moaña. Recalcou a importancia de que “a veciñanza teña oportunidade de afondar nestas temáticas”, porque cada vez “vivimos nun mundo máis globalizado” que require “entender as relacións internacionais e como estas afectan ao desenvolvemento normal da nosa vida”. Tamén puxo en valor a participación da mocidade, a través da presentación de proxectos de alumnado de instituto, así como a calidade do noso ensino público, desta volta a través do traballo desenvolvido polas universidades de Vigo e Santiago.

O programa, en dous bloques

No que respecta aos contidos, as temáticas están divididas por días. A primeira xornada está orientada á xeopolítica no sector educativo, mentres que a segunda tratará temáticas específicas que se centran en xénero, casos específicos de xeopolítica que afectan os galegos, como o Sáhara, e algunhas temáticas de máxima relevancia como o conflito entre Israel e Palestina.

O día 19, as e os participantes poderán asistir á intervención de Rubén Lois, que falará sobre como se debe tratar a xeopolítica no sector educativo, e que dará paso a un relatorio sobre o proceso de inclusión dos refuxiados ucraínos no sistema educativo. O programa tamén inclúe un relatorio sobre a desinformación na política internacional e o papel que ten o eido educativo para facerlle fronte, que será impartido por Roy Oliveira e Ainhoa García, da Facultade de Relacións Internacionais da UVigo. Ademais dos relatorios, na primeira xornada o alumnado do IES Paralaia presentará as iniciativas Malas Herbas e Tecendo Futuro.

Xa o día 20, o programa arrancará analizando o papel das mulleres na creación de Europa, de man de Alejandro Camino, profesor da Universidad de Salamanc, e seguirá cun relatorio sobre a xeopolítica de Galicia a través da literatura, a arte e o xénero, da man do investigador da UVigo Breixo Martins. De seguido, falarase sobre o programa CBHE de Erasmus+ como eixe de poder brando, relatorio que impartirá a profesora da UVigo Maribel Doval. Ademais Heriberto Cairo, da Universidad Complutense de Madrid analizará a xeopolítica dalgúns conflitos territoriais que afectan aos galegos, como os casos das Malvinas e do Sáhara, mentres que a investigadora da UVigo Annina Burgin centrarase na situación do mar do sur de China. Por outra banda, a tamén profesora da UVigo Laura Movilla abordará o espazo ultraterrestre e as relacións internacionais, prestando especial atención á carreira polos recursos espaciais. O simposio rematará coas intervencións de Juan M. Trillo, da USC, que falará sobre o conflito entre Israel e Palestina, e de María Lois, da Complutense de Madrid, que se centrará nas linguaxes, a política e os paradoxos xeográficos, poñendo o foco na xeopolítica dos extractivismos, o cambio climático e o colonialismo verde.

O simposio rematará o día 20 pola tarde cunha actividade de sendeirismo e reflexión. O prazo de inscrición está aberto ata o mesmo día do congreso.