No IV Congreso Internacional de Cooperación, Xeopolítica e Participación Cidadá
Moaña volverá converterse en centro de debate sobre o papel de Europa como estratexia para un futuro común
Este martes presentouse o programa do simposio que se celebrará os días 10 e 11 de xullo
Moaña volverá reunir un verán máis, e xa van catro, a académicos, líderes sociais, responsables políticos e membros da sociedade civil para dialogar sobre as conexións entre a cooperación internacional e a xeopolítica nun contexto participativo. Será na IV edición do Congreso Internacional de Cooperación, Xeopolítica e Participación Cidadá, que se celebrará os días 10 e 11 de xullo con relatorios, mesas redondas e talleres, nos que se explorarán temas como o impacto dos proxectos internacionais, a xeopolítica e a participación cidadá.
Os detalles do simposio foron presentados este martes no salón de actos do Concello de Moaña pola alcaldesa, Leticia Santos, xunto con Breixo Martins e María Isabel Doval, profesores da Universidade de Vigo e Daniel Costas, tenente de alcaldesa. Como destacaron na rolda de prensa, este congreso destaca pola participación conxunta de académicos, alumnos de educación secundaria e universitaria, políticos locais e europeos así como entidades sociais de diversa índole compartindo un mesmo espazo de reflexión e participación. Precisamente estes son algúns dos aspectos sobre os que máis se fixo fincapé na presentación, o feito de ser un congreso participativo co foco posto na xeopolítica e inclusión, cun enfoque integral. A idea é expoñer como as relacións entre nacións non só se determinan en encontros diplomáticos ou campos de batalla, senón tamén nos compromisos diarios con temas como a xustiza social, o desenvolvemento sostible e a inclusión. Neste senso, destacan dende a organización, que a diversidade, a inclusión e a sustentabilidade non deben ser concibidas como apéndices ao final das estratexias europeas e internacionais, senón como eixos fundamentais que definan o deseño e a implementación destas políticas. Ademais, como vén sendo habitual, o alumnado de secundaria da contorna e da UVigo terá un protagonismo especial ao longo do xornada coa presentación de varios proxectos relacionados coas temáticas do simposio.
Vertente internacional e presenza da embaixadora de Bosnia
Un dos momentos máis relevantes do programa será a participación da embaixadora de Bosnia-Herzegovina en España, que compartirá a súa visión sobre os desafíos europeos e as oportunidades de cooperación entre territorios aparentemente afastados, pero unidos por intereses comúns na construción dun futuro europeo máis sólido e inclusivo. Segundo explicou o investigador da Universidade de Vigo Breixo Martins, esta edición destaca especialmente pola súa dimensión internacional e pola vontade de abrir o debate xeopolítico a toda a sociedade. “Queremos construír unha narrativa da xeopolítica máis transparente e máis accesible para a cidadanía”.
A profesora da UVigo Maribel Doval, pola súa banda, destacou que o interese dos mozos e mozas polos asuntos internacionais é cada vez maior, especialmente cando estes se explican dun xeito próximo e comprensible. “A xeopolítica afecta ao día a día das persoas e pode entenderse perfectamente cando é explicada por especialistas”, apuntou. A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, subliñou a importancia de que expertos de primeiro nivel acheguen á veciñanza unha análise rigorosa dos cambios que están a transformar o mundo. “O que acontece ao outro lado do planeta ten cada vez máis impacto na nosa vida diaria, e por iso é fundamental contar con espazos como este”, afirmou.
Áreas temáticas
O simposio está organizado este ano pola Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello de Moaña, Idega, Ante e ArtigoTech e xirará arredor de tres áreas temática principais. Por unha banda, a cooperación europea e internacional, a participación cidadá, a xeopolítica e a diversidade. As e os participantes coñecerán e debaterán sobre proxectos europeos e internacionais, políticas europeas, investigación e desenvolvemento territorial no contexto internacional, diversidade étnica e lingüística, xénero, sostibilidade ecosocial, inclusión e xuventude e educación no contexto europeo e internacional. Outro dos eixos será a sistema educativo como motor de transformación global para a configuración de sociedades máis xustas, inclusivas e preparadas para enfrontar os desafíos globais. Unha terceira temática porá o foco en amosar a realidade das entidades e institucións que traballan na contorna, buscando achegar a cidadanía á realidade das estruturas de cooperación ás súas iniciativas e proxectos que son de todos.
A inscripción no congreso é gratuíta e realizarse neste enlace enlace.
Programa
O congreso arrancará o venres 10 de xullo pola mañá cun seminario para mocidade e estudantado con Giulia Martino, investigadora en Ecorys, que compartirá as súas reflexións e experiencias persoais e profesionais dun xeito dinámico e interactivo sobre as novas oportunidades laborais da UE para a mocidade galega.
Xa pola tarde, o acto de apertura, a partir das 16.00 horas, dará paso a un primeiro bloque de intervencións sobre o futuro de Europa con Breixo Martins, da UVigo; Miodrag Matavulj, director do Center for Economic and Rural Development, ByH, e Andree Zaimovic, embaixadora de Bosnia e Herzegovina en España. A segunda parte da xornada terá a xuventude e a participación no contexto europeo como eixo central, coa presentación de proxectos por parte de alumnado de IES A Paralaia.
Xa o sábado, o congreso arrancará cun bloque titulado Europa na práctica, no que se falará sobre os Proxectos xeopolíticos na UE. Da Galiza a África da man de Rubén Lois, catedrático da USC; sobre a Cooperación interrexional UE–América Latina–Asia Central como motor para a mellora da calidade da docencia universitaria, con María Isabel Doval e María del Mar Peláez, profesoras da UVigo e sobre a tecnoloxía para o ben común dentro e fóra de Europa, da man da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento.
Tras unha pausa, o segundo bloque, titulado Do europeo ao global, incluirá a presentación de pílulas de xeopolítica da man de estudantes de Relacións Internacionais da UVigo sobre a guerra de Irán, o conflito palestino, o papel da UE no Ártico e a militarización dos estados. Tamén intervirá Viviana Buitrón, investigadora da USC, cun relatorio titulado Desde China a la mina de Doade en Galicia: Reflexiones desde la geografía sobre la territorialización de los extractivismos emergentes en Europa. Pechará a sesión Heriberto Cairo, catedrático da Complutense de Madrid, que abordará a transición a unha nova orde xeopolítica e as nacións sen Estado en Europa.
O congreso pecharase na tarde do sábado cunha visita guiada ás carpinterías de ribeira de Moaña para coñecer a historia da construción naval de embarcacións tradicionais nas costas galegas.
