DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora Ana Pérez Valdés impartiu unha conferencia en BBAA sobre as ‘fashion films’

A moda como motor de pezas audiovisuais con identidade propia

A actividade enmárcase no ciclo ‘Liñas de investigación’

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Divulgación
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 08/11/2018

Amosar ao alumnado de Belas Artes diferentes vías de traballo e estudo “no ámbito transversal da moda, a creación e a arte”, constitúe, segundo sinala a decana de Belas Artes, Silvia García, o propósito central do ciclo de charlas abertas Liñas de investigación, integrado por cinco conferencias nas que investigadores e investigadoras da facultade afondan en diferentes liñas de traballo, nalgúns casos relacionadas coa súa propia produción artística, noutros nos eixos das que serán as súas teses de doutoramento. Este último caso, concretamente, foi o punto de partida que na tarde deste xoves impartiu a investigadora Ana Pérez Valdés, quen trazou nesta conferencia “un percorrido visual pola historia do cine” centrándose nas películas nas que “a indumentaria xoga un papel fundamental”, para logo deterse tamén na irrupción dun novo xénero, as chamadas fashion films, curtametraxes “que comezaron como un medio publicitario e foron evolucionando ata adquirir unha identidade propia”.

Titulada tanto en Belas Artes como en Esdemga, Pérez Valdés atópase actualmente iniciando a investigación que dará pé a súa tese baixo a dirección da profesora Lola Dopico. De aí que o punto de partida da súa intervención nun ciclo promovido desde o mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda fose abordar os motivos que a levaron a centrar a súa investigación ao “estudo da moda desde a imaxe en movemento”. “O meu traballo moveuse sempre entre diferentes disciplinas, en concreto entre a moda e o cinema”, salienta esta investigadora e artista, que conta tamén con experiencia profesional como deseñadora de moda, e que centrou a súa conferencia Do fashion in film ao fashion film. Interseccións entre cine e moda na primeira fase da súa investigación, a busca das pezas que poidan ser de interese para a súa análise. “A clave dunha investigación é achegarse a un tema ou a un problema cun enfoque novo”, engadiu esta alumna de doutoramento, que centra o seu estudo nun campo, a relación entre moda e cine, “que normalmente se trata desde a socioloxía ou a antropoloxía”. 

Un elemento presente ao longo da historia da cine

“Desde o nacemento do cinema, a moda sempre foi un elemento clave na construción das películas”, salientou Pérez Valdés, quen nese senso amosou ao alumnado pezas como a realizada polos irmáns Lumière a comezos do século XX coa bailarina Loie Fuller, pero tamén mostras de cinema experimental da década de 1960 ou  longametraxes recentemente estreadas, como O fío invisible de Paul Thomas Anderson ou The Neon Demon, de Nicolas Winding Refn. Filmes cos que a investigadora buscaba exemplificar os diferentes usos da moda no cine, desde “unha función puramente estética e formal” ata aqueles casos nos que “conta parte da historia de maneira visual”. Neste punto, Pérez Valdés salienta que, aínda que polo xeral o vestiario emprégase no cinema para “dar identidade a un personaxe”, existen tamén outra serie de propostas “que tratan de transmitir algún tipo de simboloxía ou metáfora a través da vestimenta”. 

Do mesmo xeito, a conferenciante tamén puxo o foco na súa conferencia no xénero das fashion film, unha serie de curtas “que teñen como tema central a moda ou a vestimenta, que naceron nunha contorna dixital” e se distribúen tamén a través da rede e que normalmente teñen detrás o apoio dunha marca de moda, un deseñador ou unha revista. Xénero que, sinala, “aínda está un pouco en definición e do que comezou a falarse hai dez anos”, xa que o que inicialmente se concibiu como un recurso promocional foi dando peso a un xénero con identidade propia, que conta xa con festivais específicos e ao que se teñen sumado “directores de cine de recoñecido prestixio”. 

A investigación en proceso

Cinco conferencias integran o programa deste ciclo de coloquios que arrincou o pasado 25 de outubro coa participación do doutor en Belas Artes e profesor de Esdemga Román Padín, quen centrou a súa conferencia na súa tese La articulación de moda en el espacio museístico en el cambio de milenio, na que documentou, a partires do estudo de máis de 560 exposicións, como a moda pasou, en menos de 50 anos, de ter un acceso reducido aos museos a ser entendida como unha expresión cultural e acadar un acceso masivo ás institucións museísticas. 

Que os propios investigadores e investigadoras falen “do proceso e as metodoloxías que utilizaron” constitúe nese senso, sinala Silvia García, o obxectivo central deste ciclo de coloquios que o 29 de novembro continúa coa conferencia Vestirse con arte. Crear a partir do corpo, da artista e profesora do Departamento de Pintura Chelo Matesanz. En decembro, estas xornadas complétanse co relatorio Dandys Proletarios: Os Teddy Boys, da alumna de doutoramento Helena Fernández-Novoa o xoves 13, e coa conferencia A invención do corpo, que impartirá o día 20 o tamén profesor, comisario e crítico cultural Alberto Ruíz de Samaniego.