DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro da programación de primavera da Vicerreitoría do campus

Moda, teatro e música centrarán as actividades deste xoves na Casa das Campás

Román Padín, Diego Anido e Germán Díaz serán os protagonistas da xornada

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 16/04/2008

Co obxectivo de dar cabida a unha programación cultural diversa que atraia a todos os públicos, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra continúa coa súa axenda de primavera na Casa das Campás. Nesta ocasión, moda, teatro e música daranse cita no mesmo escenario para ofrecer, na tarde do xoves, unha ampla variedade de iniciativas coas que “os estudantes poidan complementar a formación que reciben dentro das aulas”, segundo comentou o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández. Da man da Escola Superior en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), contarase coa presenza do recoñecido crítico de arte Román Padín en Os Xoves de Moda e, pola súa banda, o ciclo de artes escénicas Interzonas acollerá as actuacións de Diego Anido e de Germán Díaz.

“Os Xoves de Moda”: Román Padín

Baixo o título Fashioning art, o recoñecido crítico de arte Román Padín Otero impartirá unha charla na nova sesión do ciclo Os Xoves de Moda, que a Escola Superior en Deseño Téxtil e Moda de Galicia organiza coa intención de amosar a realidade do sector aos seus alumnos. Na conferencia, o convidado repasará as orixes do actual sistema a partir do II Imperio Francés e trazará un itinerario do universo do luxo no vestido. Por outra banda, Padín afondará tamén nas influencias da historia da arte nas campañas de publicidade de grandes casas como Chanel, Versace ou Dior e fará unha análise máis detallada das marcas Thierry Mugler e Dolce & Galbana nalgunhas das súas propostas fotográficas recentes.

“Interzonas”: Diego Anido e Germán Díaz

A terceira sesión do ciclo de artes escénicas Interzonas comezará coa representación da obra O Alemán de Diego Anido, peza na que se combinan pautas básicas de teatro, clown, performance e anticoreografía. Tomando como punto de partida a data de caducidade dun iogur, explóranse os límites da cordura cun humor moi persoal.
Pola súa banda, Germán Díaz ofrecerá como peche da xornada un espectáculo musical que xira arredor da manivela: unha zanfona, unha caixa de música e un órgano de barbaria unidos por un inxenio electrónico do século XX. Os asistentes poderanse deleitar con unha serie de melodías procedentes do máis tradicional do jazz.