DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dereito acolle desde este venres a primeira das súas actividades formativas

O Módulo Jean Monnet sobre o Pacto Verde Europeo arranca abordando a axenda internacional da sostibilidade

A profesora Laura Movilla é a súa coordinadora

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 18/03/2022

Este venres arrancou na Facultade de Dereito do campus de Ourense o curso Módulo Jean Monnet: Pacto Verde Europeo. Análise e Perspectivas. Na primeira das dez sesións que conforman esta acción formativa, que conta con financiamento da Unión Europea e que se prolongará ata o 27 de maio, abordouse a axenda global do medio ambiente e a sostibilidade.

A iniciativa supón o inicio das accións do Módulo Jean Monnet The European Green Deal. Analysis and insights (GREENDEAL+A+I), coordinado por Laura Movilla, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e investigadora do grupo MEDEA-Iuris. Ao abeiro deste módulo, que ten unha duración de tres anos, organizarase cada ano unha edición do curso posto en marcha este venres, ademais de outras actividades complementarias e dirixidas a un público máis específico. O curso é ademais froito da colaboración entre as áreas de Dereito Internacional Público e Dereito Administrativo da Facultade de Dereito ourensá.

No arranque desta primeira actividade, Roberto O. Bustillo, profesor titular de Dereito Administrativo, explicou que “os módulos Jean Monnet son unhas accións formativas moi selectas, financiadas pola Unión Europea e que se conseguen despois dun procedemento competitivo”, pondo de relevo o feito de terse conseguido este módulo sobre o Pacto Verde Europeo, “unha das poucas actividades seleccionadas para a súa posta en marcha en universidades”. Igualmente, o profesor puxo de relevo a traxectoria de Laura Movilla, como coordinadora da iniciativa e relatora da primeira sesión do módulo. Dela destacou que foi alumna da Facultade de Dereito de Ourense e “hoxe en día tense convertido nunha das persoas das universidades españolas, do ámbito xurídico, máis recoñecidas a nivel internacional en materia de auga”.

Retos de axenda

A actividade formativa que arrancou este venres no campus de Ourense e o Módulo Jean Monnet no que se enmarca, centraranse no Pacto Verde Europeo, adoptado en 2019 e que representa “unha nova e ambiciosa estratexia de crecemento que pretende transformar a Unión Europea nunha sociedade xusta e próspera, cunha economía moderna, eficiente no uso dos recursos e competitiva, na que non haxa emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050 e na que o crecemento económico estea disociado do uso dos recursos”. A iniciativa tamén quere dar a coñecer e fomentar o debate sobre a política e o dereito ambiental da Unión Europea e as súas principais estratexias para protexer, conservar e mellorar o capital natural da UE e protexer a saúde e o benestar da cidadanía dos riscos e dos impactos relacionados co medio ambiente.

Na sesión deste venres, Laura Movilla fixo para a trintena de persoas inscritas unha introdución á axenda global do medio ambiente e a sostibilidade. “Aínda que o módulo está centrado no Pacto Verde, a Unión Europea estase movendo evidentemente dentro desa axenda internacional”, afirmou, polo que na súa intervención abordou cales son as dinámicas no ámbito internacional neste eido, cales son os principais actores, como funcionan as negociacións internacionais en materia de medio ambiente e cales son os principais instrumentos xurídicos, entre outros aspectos. Esta axenda internacional, apuntou a profesora, está marcada pola coñecida como “a tripla emerxencia ambiental, que son o cambio climático, a diversidade biolóxica e os residuos, sobre todo plásticos”. Estes, dixo, “son os tres grandes temas candentes na axenda internacional, temas de vital importancia non só desde o punto de vista ambiental senón para a humanidade e a súa supervivencia”.

Esta abordaxe da sostibilidade, indicou Laura Movilla, faise “nun momento especialmente importante para o futuro do Pacto Verde Europeo, porque o conflito en Ucraína probablemente acelerará algún dos paquetes que van dentro del, como a transición enerxética, pero retrasará outros. Tendo en conta o que está pasando haberá que ver como se vai a desenvolver e adaptar todo o que se tiña planificado inicialmente”. Unha das prioridades do Pacto Verde, sinalou a coordinadora da iniciativa, “é reforzar o papel da Unión Europea como un líder ambiental global”, lembrando como a UE soe participar nas negociacións internacionais relacionadas coa sostibilidade “con bastante ambición en materia ambiental, o que reflicte tamén na súa axenda interna”.

Da biodiversidade á paisaxe

Ao longo do curso Módulo Jean Monnet: Pacto Verde Europeo. Análise e Perspectivas, de 40 horas de formación presencial, profesorado de distintas universidades españolas especialistas na materia analizará os principais contidos e desenvolvementos deste pacto que guiará a acción ambiental no ámbito europeo nos próximos anos. A programación da iniciativa desenvolverase en dez sesións que terán lugar cada venres entre o 18 de marzo e o 27 de maio na Facultade de Dereito do campus de Ourense e contarán coa participación de profesorado principalmente da Universidade de Vigo pero tamén das universidades de Valladolid, Murcia e Barcelona. Tras esta primeira conferencia, abordaranse temas como a política e o dereito ambiental da UE; a protección e conservación da biodiversidade, a agricultura e o sistema alimentario; as enerxías limpas e a mobilidade, a construción e a renovación sostibles; a loita contra a contaminación e o fomento da economía circular e a UE como líder ambiental global. O Pacto Verde Europeo en relación coa política marítima integrada da UE, co política de augas e a paisaxe e seu carácter interdisciplinar completarán a programación desta formación.