DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O máster class comezou cun obradoiro de corrección de cor no cine dixital

Moita cor no arranque da oitava edición de Augal 

Continuará ata abril con proxeccións e talleres, dirixidos a alumnado e público

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cine
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Académica
Mª del Camen Echevarría DUVI 26/11/2018

Fernando Alfonsín, referente en Galicia en temas de corrección de cor e Alfonso Merino, egresado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e máster nesta materia por unha das mellores escolas do mundo en Berlín, abriron esta mañá a oitava edición de Augal, cun obradoiro no que tomaron parte unha vintena de estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A celebración deste taller, xunto aos de dirección de fotografía, son e guión, é a gran novidade desta edición do Máster Class Audiovisual Galego, que coordinan os profesores Paulino Pérez, Miguel Anxo Fernández e Fortunato Pérez e que co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), tamén inclúe no seu programa a proxección de dúas longametraxes (La sombra de la ley e A estación violenta) e posterior coloquio cos seus directores; o visionado de tres curtas e un relatorio sobre comercialización de produtos audiovisuais. 

“Este obradoiro está moi relacionado co que se impartirá mañá sobre dirección de fotografía. Neste intre, tanto a fotografía como o tratamento da cor están intimamente relacionados, ofrecendo infinidade de posibilidades á hora de darlle o aspecto definitivo á nosa película”, explica Paulino Pérez, que lembra que no ámbito audiovisual se están a producir novidades continuamente e neste intre a calidade das cámaras dixitais, as ópticas, as novas posibilidades de iluminación con leds os diferentes codecs de gravación ou os novos formatos como o 4K e o 8K, abren un gran abano de posibilidades creativas.

Cos obxectivos prioritarios de contribuír á promoción dun sector estratéxico como o audiovisual e de tratar de relacionar o alumnado do centro cos profesionais, Augal non esquece un ano máis de abrir a súa programación á cidadanía, que poderá asistir ás actividades programadas este ano.

Unha formación baseada na experiencia

Na sesión celebrada esta mañá, Alfonsín e Merino abordaron, entre outras cuestións a importancia da cor e as súas posibilidades, “unha master class na que nos contaron as súas experiencias, algúns dos seus traballos, as solucións achegadas e as diferenzas entre como lles chegaron a eles as montaxes en bruto e os acabados finais. É sorprendente”, explica Paulino Pérez. 

Pola tarde, o taller terá un carácter eminentemente práctico para estudantes que xa teñen unha certa experiencia en corrección de cor e están interesados en especializarse ou descubrir as posibilidades que este ámbito achega. “Na sesión os profesionais ofrecerán consellos, solucións e trucos que aplican no seu traballo diario, no que utilizan DaVinci Resolve de Black Magic, o máis empregado en todo o mundo”, detalla o docente e vicedecano de Promoción e Comunicación da facultade.

Coa inscrición dos obradoiros de hoxe e mañá completa, Augal retomará a actividade o 12 de decembro coa sesión Curtas desde a UVigo, coa participación da estudante Dunia Álvarez, quen presentará a súa produción A meca dos cines, sobre o cinema no Grove; a cineasta Noemi Chantada, quen falará de La Mujer Invisible, premiada no festival Xociviga do Carballiño; e o tamén ex-alumno Jorge Fernández, quen amosará Brotes, curta que presentou como traballo de fin de grao.