Nela poden verse obras de 17 artistas moi diversos
Monção acolle unha exposición de fondos da Sala Alterarte do campus
A mostra estará na casa museo desta vila portuguesa ata o 27 de xuño
Desde este xoves e ata o 27 de xuño, a casa museo da vila portuguesa de Monção acolle a mostra Insula Vtopia, unha exposición formada por unha selección de obras do fondo artístico que ten a Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense.
A iniciativa está comisariada por Sara Donoso e nela poden verse obras de Deebo Barreiro, Natividad Bermejo, Mar Caldas, Ofelia Cardo, EME, Basilisa Fiestras, Enrique Lista, Acisclo Novo, Paula Noya, Mónica Oliveira, Soledad Penalta, Iván Prieto, Mar Ramón Soriano, Luis San Sebastián, Eduardo Valiña e Jorge Varela e Xabier Varela. Trátase de artistas que nalgún momento expuxeron na Sala Alterarte e que cederon ao campus algunha das súas obras para pasar a formar parte dos fondos deste espazo expositivo.
Arquipélago de creacións
“Insula Vtopia preséntase como un laboratorio crítico para mirar o mundo de fronte. Recuperando o termo acuñado por Tomás Moro en 1516, esta mostra non entende a utopía como unha paraxe definitiva ou un plano de perfección inalcanzable, senón como un estado de vixilia, como un espazo de ensaio onde se cartografan as problemáticas contemporáneas para imaxinar novos futuros posibles”, explica Sara Donoso. O fío narrativo da exposición, engade, “parte da peza Utopía de Acisclo Novo, que funciona como un aviso: a utopía preséntase como unha luz feble, unha promesa fráxil que cómpre protexer ante a incerteza do contexto sociopolítico actual”. A partir deste limiar, Sara Donoso indica que “a mostra transita por territorios en tensión atendendo a unha serie de preocupacións onde se combinan a rabia e a esperanza”.
A comisaria da mostra explica que a precariedade fronte ao prestixio cultural, a deconstrución das identidades e o cuestionamento dos sistemas relacionais son liñas de pensamento que conectan as propostas que se poden ver en Insula Vtopia de Acisclo Novo, Enrique Lista, Natividad Bermejo e Mónica Oliveira. Pola súa banda, as pezas de Mar Caldas, Deebo Barreiro, Iván Prieto e Mar Ramón Soriano analizan o corpo desde as políticas de representación, explorando a corporalidade a través da imperfección e a dialéctica suxeito-obxecto. En paralelo, Sara Donoso comenta que as obras de Ofelia Cardo e Luis San Sebastián activan a memoria e a microhistoria como ferramentas de resistencia, mentres que as Soledad Penalta e Paula Noya “sinalan a tensión entre o refuxio íntimo e o encerro social, advertindo a urxencia de conformar novos territorios afectivos”. Esta busca, engade, esténdese cara a recuperación dos vínculos coa natureza, a contorna e a orixe nas propostas de Eduardo Valiña, EME, Basilisa Fiestras e os irmáns Varela.
“Neste arquipélago de creacións, a arte actúa como un dispositivo de reconfiguración. Entre a esperanza do horizonte utópico e a advertencia do abismo distópico, as pezas aquí reunidas propoñen un equilibrio inestable. Convídannos a nomear a dor para reconstruír, para habitar as incertezas e para tornarnos, novamente, máis humanos”, resume a comisaria da exposición, que foi inaugurada este xoves ás 21.00 h (hora local portuguesa) por Sara Donoso, por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e por António Gonçalves, director da Casas Museo de Monção.
