DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Do final e do comezo’ pode contemplarse na galería CTJV ata o 6 de xaneiro

Monçao acolle de novo a exposición de traballos finais do alumnado de Belas Artes

A mostra reúne as creacións de 25 titulados e tituladas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/12/2022

Do final e do comezo é o título que a Facultade de Belas Artes deu á exposición que cada ano reúne no Pazo da Cultura de Pontevedra unha selección de obras nacidas dos traballos de fin de grao (TFG) dos novos titulados e tituladas, contribuíndo a proxectar as súas creacións máis aló das aulas no inicio dunha nova etapa fóra da facultade. Por segundo ano consecutivo, este proxecto expositivo cruza a fronteira e pode contemplarse nestas semanas na Galería de Arte CTJV, da localidade portuguesa de Monçao. Nunha mostra promovida pola facultade e a Cámara Municipal, reúnense as creacións de 25 egresados e egresadas, que ofrecen “unha panorámica dos intereses, tanto temáticos como técnicos, do alumnado e de todas as disciplinas coas que traballan”, como salientou a súa comisaria, a artista e docente Basilisa Fiestras.

Escultura, cerámica, ilustración, fotografía, vídeo, libros de artista ou instalacións forman parte das obras reunidas nesta exposición, cuxa coordinación técnica correu a cargo de Fiestras e das egresadas da facultade Alexandra R. Rey e María Gar, da empresa Vaciocero. “Para nós foi algo incrible que nos desen a oportunidade de trasladar a exposición”, recoñece Fiestras da colaboración que permitiu, por segundo ano consecutivo, levar esta mostra á Galería CTJV, coordinada polo exalumno da facultade Ricardo Campos. “Aínda que sexa aquí preto, tamén é unha oportunidade para que o alumnado poida ensinar os seus proxectos fóra de Galicia”, engade Fiestras da mostra que poderá visitarse ata o 6 de xaneiro.

Unha exposición diferente coa mesma esencia

Alén da oportunidade, Fiestras tamén resalta o “reto” que supuxo reformular a exposición que en setembro e outubro puido contemplarse no Pazo da Cultura para levala a un espazo de menores dimensións. “A idea orixinal foi a de manter todos os artistas, reducindo o número de obras, collendo o principal de cada proxecto ou que máis se adaptaba ás condicións da sala”, explica dun proceso que levaron a cabo “en diálogo” cos e coas participantes. De feito, na mostra que pode visitarse en Monçao están presentes as creacións de 25 dos 26 titulados e tituladas que foron seleccionados para a exposición orixinal e a única ausencia, explica, é a dunha artista que protagonizaba nestas mesmas datas unha exposición individual en Madrid.

Con cambios como reunir todos os proxectos audiovisuais nunha mesma pantalla, Do final e do comezo permite igualmente achegarse á diversidade de temáticas e procesos de traballo abordados polo alumnado de Belas Artes ao longo da súa etapa formativa. Deste xeito, as obras reunidas mostran como abordaron cuestións como a memoria individual e colectiva, o paso do tempo, a identidade, a paisaxe intervida, o azar ou o cotián, a través tanto de pezas máis conceptuais como doutras máis enfocadas á experimentación cos materiais en múltiples disciplinas.

Integrados nesta ocasión xunto ás obras dos egresados e egresadas, tamén se exhiben dous cadros de Berta Cáccamo, cedidos pola facultade, que xa puideron verse no Pazo da Cultura. Trátase de dúas obras que foron empregados para a imaxe gráfica do proxecto e que permiten á súa vez render homenaxe a esta artista, falecida en 2018 e que exerceu durante máis de 15 anos como profesora asociada na facultade. As obras, como sinala Fiestras, axudan a pór o foco na “importancia que ten o proceso” na creación artística, unha das cuestións nas que incide un proxecto expositivo que é resultado dun proceso formativo e que, de feito, completábase en Pontevedra cun apartado de “laboratorio” no que se presentaban obxectos de traballo ou pezas desbotadas.