DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Súmanse as catro primeiras publicacións lanzadas hai un ano 

Monolingüismo, histoloxía e repartimentos centran as novas guías prácticas de ANL para ensino secundario

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Lingua Galega
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 02/02/2022

A Área de Normalización Lingüística (ANL) da UVigo continúa a espallar polos centros de secundaria do sur de Galicia os coñecementos que sobre diversas temáticas desenvolven os grupos de investigación da institución académica viguesa. Cun obxectivo fundamentalmente divulgativo, as tres novas guías que acaban de publicarse e que contaron coa colaboración na súa elaboración da Unidade de Cultura Científica da UVigo, súmanse ás catro editadas hai un ano co obxectivo de achegar, desta volta, ao estudantado de ensino secundario os resultados das investigacións que sobre os problemas de repartimentos, histoloxía e monolingüísmo, desenvolveron investigadoras e investigadoras da UVigo.

ANL está a remitir as novas guías en formato dixital aos equipos de dinamización lingüística dos centros de educación secundaria de Pontevedra e Ourense, sen descartar facelo tamén cos Lugo e A Coruña, máis adiante. As publicacións que tamén están dispoñibles en versión papel para aqueles centros que as soliciten, combinan unha parte teórica con actividades didácticas para o estudantado dos centros. “A ciencia, en tanto que contribución humana determinante para mellorar as condicións de vida das persoas, constitúe unha fiestra clave para as linguas minoradas. Todos os desvelos que implica a divulgación científica teñen como finalidade afondar no elo que a universidade establece coa sociedade, a quen se debe. Por iso, tamén é responsabilidade das científicas e científicos axudar a protexer o patrimonio inmaterial que supón unha lingua en situación de vulnerabilidade”, explica Fernando Ramallo, director de ANL, que agradece expresamente a participación dos investigadores e investigadoras que elaboraron as guías, ao abeiro dun proxecto, “que agardamos que teña continuidade nos próximos anos”. 

Para raros, os monolingües 

En Para raros, os monolingües. Unha pequena introdución ao bilingüismo o docente do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo Xoán Paulo Rodríguez Yáñez aborda cuestións como a falacia do bilingüismo pleno ou a identidade emocional dos bilingües. “Cada un de nós posúe un estilo comunicativo persoal, unhas preferencias expresivas (incluídas as xestuais e as posturais) que o caracterizan como suxeito; ademais claro está, de practicar unha enorme cantidade de hábitos comunicativos que son propios da comunidade cultural na que nacemos ou na que vivimos”, sinala Xoán Paulo Rodríguez no limiar da guía, na que incide en que a heteroxeneidade das falas é unha constante nas linguas e nas culturas do mundo, que se acrecenta no caso dos falantes que posúen dúas ou máis linguas.

“Somos afortunadas todas as persoas que vivimos nesa hibridación constante, nese de a cabalo cotián entre mundos lingüísticos e culturais. E o feito de, como galegos e galegas, participar ademais frecuentemente dunha terceira lingua (pois a emigración deu lugar a que nalgunhas familias teñamos tres) non fai senón acrecentar esa sensación de vida arrequecida, mesmo de aventura intelectual máxima , beneficiándonos da flexibilidade cognitiva e verbal que é unha das beizóns do bilingüismo”, asegura o docente do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo. 

E ti, como repartirías?

“Un problema de demandas (de repartimento) ten lugar cando temos que distribuír unha cantidade fixa entre un conxunto de demandantes cos mesmos dereitos que reclaman diferentes cantidades e de xeito que esta cantidade inicial da que dispoñemos non chega para cubrir todas as peticións. A cuestión é, pois a seguinte: como elixir un repartimento de maneira razoable e xusta?”. Así introducen Miguel A. Miras Calvo, Iago Núñez Lugilde, Carmen Qunteiro Sandomingo e Estela Sánchez Rodríguez, a cuestión que abordan na guía E ti como repartirías? O pouco ben repartido. A través de exemplos sacados da vida diaria e tamén de texto antigo como o Talmud, as e os autores sinalan que os problemas de demandas poden tratarse de distintos xeitos. “Por unha banda pode realizarse unha achega directa, comezando por definir unha regra (repartimento) e confrontando a solucións por ela suxerida en diferentes circunstancias cos resultados agardados que nos poden parecer razoables segundo as nosas experiencias ou expectativas”, explican os investigadores da UVigo, ao tempo que tamén sinalan que é posible estudalos a través dunha aproximación axiomática, é dicir, a partir de propiedades ou de axiomas desexables que nos leven ás regras establecidas para o repartimento. 

“Por último, tamén se poden empregar métodos propios da teoría de xogos, convertendo o problema nun xogo coalicional e estudando as súas solucións”, detallan Miras, Núñez, Quinteiro e Sánchez.

Histoloxía para todos

Manuel Megías Pacheco, Pilar Molist García e Manuel Ángel Pombal son os autores de Histoloxía para todos. O Atlas histolóxico da Universidade de Vigo, publicación que definen como unha ferramenta de apoio ao estudo. A guía, centrada nas orixes e organización do Atlas histolóxico, complétase con diversas actividades didácticas. “A idea inicial era elaborar unha ferramenta para as nosas e nosos estudantes universitarios; non obstante, conforme medraba o proxecto, decatámonos de que, en realidade, estabamos creando un material con posibilidades de uso moito máis amplas, xa que a citoloxía e a histoloxía tamén se traballan no ensino medio (bacharelato, ciclos medios e superiores) e, por suposto, noutras titulacións universitarias, que inclúen nos seus plans de estudos materias relacionadas”, lembran os autores desta iniciativa, que botou a andar en setembro de 2007. 

Cuns contidos que seguen a mesma filosofía de código aberto e que polo tanto contan cunha licenza de tipo Creative Commons: by-nc-sa, o Atlas histolóxico está organizado en seccións ordenadas de forma secuencial para facilitar a súa comprensión. “As seccións son: a célula, tipos de células, tecidos vexetais, tecidos animais, órganos vexetais, órganos animais, técnicas histolóxicas, microscopio virtual, descargas, novidades, índice, presentación e tamén un apartado de agradecementos”, detallan Megías, Molist e Pombal.