DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura recibiu 39 votos a favor e 14 en contra

Monserrat Cruz é elixida decana de Ciencias Empresariais e Turismo

Fomentar a internacionalización e a relación coa contorna son algúns dos retos do novo equipo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 09/04/2019

Por 39 votos a favor e 14 en contra da xunta de facultade, Monserrat Cruz, profesora do Departamento de Organización de Empresas e Márketing da Universidade de Vigo, foi elixida este martes nova decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. Ela será a encargada de tomar o relevo ao equipo encabezado por Elena Rivo, que estivo durante dous mandatos e seis anos á fronte deste centro.

Con Monserrat Cruz como decana forman o novo equipo decanal de Ciencias Empresariais e Turismo Alberto Vaquero, secretario; Elena de Prada, vicedecana de Internacional; Javier Sánchez, vicedecano de Estudos de Grao; Francisco Tugores, vicedecano de Organización Académica e Alumnado, e Juan Manuel de los Ríos, vicedecano de Calidade. Tralas votacións, a decana electa agradecía “o apoio recibido” e salientaba como “a nosa intención é traballar a prol da facultade”, agradecendo “profundamente o traballo realizado por Elena Rivo e o seu equipo, que nos deixa o camiño aberto para continuar traballando”.

Retos de futuro

Sobre os retos que afronta para este mandato, Monserrat Cruz salientou “a nosa intención de continuar co labor de internacionalización, promover as prácticas en empresas e por suposto potenciar os servizos ao alumnado”. Igualmente apuntou “o noso interese por continuar a interrelación cos outros centros do campus, en especial coas facultades de Dereito e Historia e coa Escola Superior de Enxeñaría Informática, porque son os centros cos que temos na actualidade dobres graos” e “comezar unha gran relación co Campus da Auga”. Durante o seu discurso ante a xunta de centro, a profesora salientou como “gustaríanos facer cada vez máis atractiva a nosa facultade” aumentando a proxección internacional e potenciando “cada vez máis a implicación do noso centro coa sociedade”. Subliñando como desexaría “consolidar a canle de comunicación que xa existe cos colectivos da nosa facultade”, a nova decana debullou algúns dos obxectivos propostos para cada un dos colectivos universitarios.

No caso do persoal docente e investigador a nova decana indicou o seu desexo de continuar coa oferta de dobres titulacións e favorecer a interrelación co profesorado dos centros implicados e pór en valor os grupos de investigación, intensificando a súa internacionalización. Tamén puxo o aceno Monserrat Cruz no reto de “dar a coñecer á provincia de Ourense o potencial que ten o noso PDI porque é moi bo para desenvolver iniciativas e traballar coas entidades tanto públicas como privadas”. Ao persoal de administración e servizos a nova decana transmitiulle como ao seu equipo gustaríalle “que mantivésedes a vosa implicación na xestión e iniciativas da nosa facultade”, salientando como o seu obxectivo é “apoiar a vosa formación e potenciar a comunicación fluída que xa existe pero que nos vai a axudar a mellorar a calidade da xestión administrativa do noso centro”. Ao alumnado, Monserrat Cruz recalcoulle o seu obxectivo de fomentar a súa implicación e a realización de ciclos de conferencias, cursos e actividades formativas. “Gustaríanos potenciar a vosa mobilidade, a vosa formación e o desenvolvemento laboral de todos vós”, dixolle a nova decana ao alumnado, comprometéndose tamén a mellorar o funcionamento do programa de acción titorial, a desenvolver programas de colaboración co tecido empresarial, a mellorar o acondicionamento e equipamentos de aulas, laboratorios e salas de estudo e adaptar a normativa dos traballos fin de grao. Tamén indicou o seu desexo de fomentar tanto a creación dunha asociación de antigos alumnos como o papel da delegación de alumnos e a figura das e dos delegados de clase.

Balance de dous mandatos

Como peche a seis anos de mandato, Elena Rivo destacou pola súa banda como “para min foi unha honra poder ser decana da miña facultade, ser elixida polos meus compañeiros. Foi unha ledicia facer cousas pola facultade durante estes anos”. Entre os logros acadados, a decana saínte salientou como “presentámonos cun plan de internacionalización que cremos que tivo éxito, con bastantes materias en inglés que nos permitiron pór en marcha o dobre grao con Bremerhaven, que xa ten a súa primeira egresada, e ser o centro do campus con máis alumnado estranxeiro tanto de entrada como de saída, o que enriqueceu tanto cultural como academicamente a vida do noso centro”. Tamén lembrou a posta en marcha dos programas conxuntos con Enxeñaría Informática, Dereito e Historia, “que enriqueceron a oferta formativa da nosa facultade sen crear novas estruturas, simplemente aproveitando os recursos existentes”. A consecución do selo de calidade para o centro e a acreditación dos títulos foron outros dos logros apuntados por Elena Rivo. “Todo isto non é un labor individual, senón de todos os membros que formaron parte do equipo decanal durante os dous mandatos e do persoal de administración e servizos e do alumnado. Foi un esforzo colectivo”, recalcou.