DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora aspira a un segundo mandato á fronte deste centro

Monserrat Cruz, única candidata ás eleccións a decanato de Ciencias Empresariais e Turismo

As votacións serán o día 10 de maio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 05/05/2022

Desde o pasado 4 de abril, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense ten aberto o proceso de eleccións a decanato, ao cumprirse tres anos de mandato da súa dirección. Rematado o prazo de presentación de candidaturas, a única presentada é a da súa actual decana, a profesora Monserrat Cruz, que opta co seu equipo a continuar tres anos máis á fronte deste centro. A votación da Xunta de Facultade terá lugar o martes 10 de maio.

O equipo que integra a candidatura liderada por Monserrat Cruz está formado polo profesorado que xa formou parte del no primeiro mandato, é dicir, Alberto Vaquero, como secretario; Elena de Prada, como vicedecana de Internacional; Javier Sánchez, como vicedecano de Estudos de Grao; Francisco Tugores, como vicedecano de Organización Académica e Alumnado, e Juan Manuel de los Ríos, como vicedecano de Calidade. “A miña idea é seguir exactamente co mesmo equipo. De feito, sen el xa non me tería presentado. Estiveron ao meu carón nos momentos máis complicados e demostraron que son un equipo extraordinario. Tivemos momentos difíciles e en ningún momento ningún deles deu un paso atrás”, comenta Monserrat Cruz.

O seu primeiro mandato, lembra, arrancou xusto co inicio da pandemia, a principios de abril de 2019, factor que determinou totalmente o seu desenvolvemento. “Non foi desde logo un mandato ao uso, normal, pois en boa parte del non tivemos nin docencia presencial, pero a pesar de todo a valoración que fago desta etapa é moi boa”, apunta Monserrat Cruz. Así, detalla, “foi un mandato moi difícil porque debido á pandemia tivemos que tomar moitísimas decisións para as que non tiñamos antecedentes e había moita incerteza”, lembrando aspectos como o paso da docencia presencial á virtual en cuestións de días. Porén, recalca, “a sensación que teño é que traballamos moito e ben”. Aínda que analizando as cousas cara atrás sempre se pode pensar que algunhas se puideron ter feito doutro xeito, indica, “tanto a nivel académico como de xestión teño unha sensación moi boa e iso foi posible porque tiven en todo momento a axuda do meu equipo” e a colaboración dos diferentes colectivos da comunidade universitaria.  

Balance e retos

Despois de tres anos á súa fronte, a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo sinala que o centro vive un momento de certa “tranquilidade”. Pondo en valor a traxectoria consolidada do centro, apunta entre os seus valores máis relevantes a súa “grande interrelación” coas institucións da contorna, cos axentes socioeconómicos e con universidades estranxeiras, algo que, recalca, “non é tan habitual en todas as facultades”. Esta tranquilidade, apunta, só se ve empeñada polas dificultades de matrícula do Grao de Turismo. Porén, indica, “hai un bo ambiente de traballo e colaboración neste tema e penso que conseguiremos sacalo adiante”, destacando a posta en marcha, con financiamento da Deputación de Ourense, de bolsas para o alumnado matriculado en primeiro curso deste grao. Solucionar os problemas de matrícula deste título, afirma a candidata, “é unha prioridade absoluta” para o centro.  

A potenciación deste Grao en Turismo, ademais de manter e consolidar os demais títulos do centro, apunta Monserrat Cruz, será un dos temas que se incluirán no plan estratéxico da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, cuxa elaboración, sinala, “é un dos grandes retos que temos”. No eido das titulacións tamén pon en relevo como un dos puntos fortes desta facultade a existencia de programas conxuntos con outros tres centros do campus de Ourense, como son ADE-Enxeñaría Informática; ADE-Dereito e Turismo-Historia. “Somos unha facultade bastante implicada co campus”, comenta a decana en referencia non só a estas titulacións conxuntas senón tamén á participación en eidos como o proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga. “O noso labor como facultade é visibilizarnos cada vez máis a nivel social e desde logo dentro do campus cada vez intentamos facer máis interrelación”, indica.

Por último, Monserrat Cruz destaca o reto de avanzar na internacionalización da facultade, continuando coas relacións que xa ten o centro con universidades europeas a través de iniciativas como a International Week, que este ano recuperou a súa celebración presencial, pero abríndose tamén a outro tipo de universidades, como poden ser as iberoamericanas.