DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura conseguiu 54 votos a favor, 12 en contra e 11 en branco

Montero Reguera asume o decanato de Filoloxía e Tradución co reto de afrontar a reforma dos graos

O novo equipo decanal adianta que se porá mans á obra para lograr a implantación dun grao aberto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 18/02/2020

A reforma dos tres graos que se imparten na facultade, a certificación do centro e a posible implantación dun grao aberto. Estes son os tres grandes retos aos que se vai enfrontar o novo equipo decanal da Facultade de Filoloxía e Tradución, un equipo liderado polo catedrático de Literatura española José Montero Reguera, elixido este martes novo decano do centro por 54 votos a favor, 12 en contra e 11 en branco, entre eles os do alumnado, que decidiu non tomar partido e deixar a elección en mans do profesorado e do persoal de administración e servizos. “Temos diante de nós moito traballo por facer, moitas tarefas enriba da mesa, incluíndo o día a día dunha facultade grande, complexa e soa no eido das humanidades en Vigo”, recalcou o xa novo decano.

“Queremos sacar adiante os procesos de reforma de graos que temos enriba da mesa, xestionar o día a día dun centro grande coas súas complexidades e dificultades, e, sobre todo, por medio do diálogo e do respecto, amosar a nosa vontade de facer chegar á sociedade o moito traballo e investigación que facemos; en definitiva, amosar á nosa contorna, dentro e fóra da nosa Universidade, a necesidade dos nosos estudos e dunha Facultade de Filoloxía e Tradución no sur de Galicia”, recalcou Montero. 

Dispostos a “traballar e deixar traballar”

Acompañarano nesta tarefa a profesora titular de Lingua Española, Inmaculada Anaya, como vicedecana de Comunicación, Captación e Diversidade; María Seijas, profesora titular de Historia Moderna, como vicedecana de Calidade; Xosé Soto, profesor titular de Filoloxía Galega, como vicedecano de Organización Académica e Profesorado; Beatriz Rodríguez, profesora contratada doutora de Tradución e Interpretación, como vicedecana de Relacións Internacionais, e Miguel Cuevas, profesor contratado doutor de Lingua Española, como secretario do centro. Tal e como describiu o novo decano, trátase dun equipo paritario, “que mestura xuventude e experiencia, con longas traxectorias xa como xestores e investigadores, con gañas de traballar e ilusión por afrontar os retos aos que se enfronta o  noso centro e a universidade de hoxe”.

Na súa  presentación ante os integrantes da xunta da facultade, o catedrático salientou que o novo equipo decanal quere “traballar e deixar traballar”, pois só deste xeito se pode acadar a situación de estabilidade e tranquilidade que lle  permita ao profesorado traballar na súa docencia, nos seus proxectos e nas súas investigación; que o alumnado poida asistir ás clases e incorporarse á vida académica, primeiro, e a laboral, despois; e que o persoal de administración e servizos teña tamén unha contorna positiva para o seu traballo. “A suma destes tres elementos, básicos na vida dun centro universitario, permitirá acadar unha facultade acorde cos tempos da universidade de hoxe e da de Vigo en particular”, recalcou Montero.

Un recoñecido cervantista para dirixir a única facultade viguesa do eido das humanidades

José Montero Reguera chegou á Universidade de Vigo no ano 1995 e, dende entón, combinou a docencia e a investigación con diferentes cargos de xestión, desde secretario e director de departamento, -exerceu como director do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura ata a semana pasada-, ata o vicedecanato ou o decanato en funcións, a última vez en 2015, cando fora nomeado polo reitor tras varias convocatorias electorais ás que non se presentara ningunha candidatura para substituír á profesora Rosa Pérez.
Desde o pasado mes de xullo, dirixe a revista Anales Cervantinos, unha publicación editada polo CSIC con case 70 anos de historia e que, a día de hoxe, é a única monografía de carácter científico en España dedicada ao autor de El Quijote. A maiores, mantén tamén o cargo como director da revista Hesperia. Anuario de Filología Hispánica, principal vehículo de expresión dos estudos sobre lingua e literatura española no sur de Galicia.

Ademais de docente na UVigo, Montero Reguera exerceu tamén como profesor nas universidades de Valladolid, Münster (Alemaña) e Carleton (Otawa, Canadá). É presidente de honra da Asociación de Cervantistas, que dirixiu entre 2004 e 2012, e en 1995 obtivo o Premio Fernández Abril da Real Academia Española.

Despedida de Luis Alonso Bacigalupe

Tras coñecerse os resultados da votación, o decano saínte, Luis Alonso Bacigalupe aproveitou para dar as grazas “e un efusivo abrazo” non só ao seu equipo, que se foi renovando ao longo dos últimos catro anos,  senón tamén a todo o profesorado, ao persoal de administración e servizos, ao alumnado “e a todos aqueles que día a día fan posible a realidade desta facultade, desde o persoal da cafetaría ao de limpeza”.