DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes foi clausurada por Manuel Reigosa, Xosé Manuel Cid e Agustín Escolano

A mostra 'Flora, ou a educación dunha nena na sociedade tradicional' despídese do campus

Foi visitada por alumnado universitario e de centros educativos da cidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 14/05/2024

Co gallo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense inaugurou a exposición Flora, ou a educación dunha nena na sociedade tradicional. Despois de varios meses recibindo a visita de numeroso alumnado universitario e de centros educativos da cidade, de asociacións e doutros colectivos, a mostra despídese facendo un balance moi positivo do seu paso por Ourense.

Na súa clausura este martes, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, subliñou que Flora, ou a educación dunha nena na sociedade tradicional “é unha exposición moi acaída porque nos permite mirar atrás e darnos conta de que efectivamente temos progresado moitísimo”. Neste senso, recalcou o compromiso no camiño cara a igualdade da facultade anfitrioa e do conxunto da institución académica, apuntando como forma parte do plan estratéxico da UVigo. Pola súa banda, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, destacou a importancia de botar man da “historia da educación tamén para explicar o presente e o futuro” e de dar continuidade “ao espírito do 8 de marzo ao longo de todo o ano”. Así, lembrou que o centro ten o distintivo de Igualdade da Universidade de Vigo e recalcou que “aínda que moitas cousas cambiaron desde Flora aínda queda moito camiño por percorrer cara a igualdade real entre xéneros”.

No acto, Agustín Escolano, fundador do Centro Internacional da Cultura Escolar de Berlanga de Duero do que proceden os fondos desta iniciativa, explicou que esta mostra “máis que unha exposición é unha primeira fase dun proxecto, dun programa expositivo”. Así, adiantou, se a exposición que este martes se clausurou centrouse na muller na sociedade tradicional, “a seguinte fase suporá un cambio de paradigma, para amosar como se xestou a idea da inclusión, da igualdade, das novas relacións de xénero”. Esta segunda mostra, que levará por título De Flora a Diana, ou o longo camiña cara a inclusión, chegará a Ourense despois de ser exposta en Soria e Madrid. O catedrático xa retirado apuntou por último a importancia de “promover a educación da cidadanía” en temas como a igualdade con iniciativas coma este proxecto.

Entender o camiño feito

A exposición é unha iniciativa do Centro de Investigación Manes da UNED e o Centro Internacional da Cultura Escolar de Berlanga de Duero (Soria), estando organizada no caso de Ourense pola Facultade de Educación e Traballo Social coa colaboración do Concello. Nela amósanse libros de texto e material escolar do século XIX e a primeira metade do XX e faise un percorrido pola educación da muller nese período para “entender o camiño feito en igualdade desde entón e contribuír a entender a situación actual”. Complementando os materiais expostos no campus, no centro da cidade, concretamente na rúa do Paseo, puideron verse ao longo destas semanas paneis sobre a mostra.

Nas seis seccións que integran Flora, ou a educación dunha nena na sociedade tradicional, o público puido achegarse a distintas facetas da educación da muller tradicional que foron fomentadas pola escola no pasado: a muller adscrita ao fogar e á maternidade; a formación na economía doméstica, a costura e o bordado; as regras de urbanidade e comportamento feminino circunscritas ás diferentes clases sociais, ou os modelos de “muller exemplar” que se transmitiron ás nenas a través da lectura e a escritura. A mostra indaga sobre a representación do que foi a formación da muller na sociedade tradicional, “unha imaxe baseada na diferenciación e na exclusión, categorías e valores que dominaron a educación da muller no século XIX e a primeira metade do XX”.