DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pode visitarse na Biblioteca Rosalía de Castro ata o 30 de xaneiro de 2026

Unha mostra rende homenaxe no campus aos 50 anos de estudo do xacemento de Aquis Querquennis

Nela recréase a escala un campamento militar romano

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI Ourense 12/12/2025

Desde este venres e ata o 30 de xaneiro de 2026 pode visitarse na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense a mostra 50 anos de Aquis Querquennis. O forte militar romano mellor estudado da Hispania. Nela recréase a escala un campamento militar romano homologable á realidade do propio Aquis Querquennis e faise un percorrido polas cinco décadas de traballo arqueolóxico neste xacemento. 

A mostra xurdiu co gallo da conmemoración do 50 aniversario do descubrimento deste campamento romano no Concello de Bande (Ourense) e co desexo de facer “unha exposición conmemorativa que permitira converter esta efeméride nunha celebración cultural e educativa que honrara a relevancia do xacemento e o seu legado”. Instalada inicialmente no Centro de Interpretación Aquae Querquennae-Vía Nova, emprazamento de referencia para a difusión do legado romano na contorna da Baixa Limia, vai desprazándose a outros puntos de interese, como é neste caso o campus de Ourense, “co fin de ampliar a súa difusión e seguir contribuíndo á divulgación do patrimonio ao longo do tempo”.

No caso do campus de Ourense a iniciativa da Fundación Aquae Querquennae-Via Nova, financiada pola Consellería de Cultura, conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense.  Na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro, as persoas interesadas poden adentrarse na recreación a escala do campamento militar, distinguindo as catro portas de acceso: Principalis Dextra, Decumana, Principalis Sinistra e Praetoria. No interior da instalación, exponse a información que quere transmitir a mostra e que abrangue unha explicación histórica da motivación do Imperio Romano para construír un campamento militar nesta localización e a súa relación coa Vía Nova e unha síntese dos traballos arqueolóxicos realizados no xacemento dende o seu descubrimento hai 50 anos. Tamén se pode ler información sobre o papel da Fundación Aquae Querquennae na conservación e divulgación deste xacemento e a produción científica ligada á investigación de Aquis Querquennis. Nos textos póñense en valor “os logros alcanzados, os avances no coñecemento do mundo romano en Galicia e a relevancia do proxecto no contexto da investigación patrimonial en Europa”.