DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Resólvese o Concurso Escolar de Creación Artística organizado co gallo do 11 de febreiro

A muller na ciencia, vista polas futuras xeracións

Presentáronse case 200 traballos de alumnado de Primaria e Secundaria da provincia de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 11/02/2021

Co gallo da celebración cada 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense alíanse para organizar diferentes actividades. Entre elas está o Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Este xoves déronse a coñecer as e os gañadores desta iniciativa, á que nesta quinta edición se presentaron case 200 traballos. Outra das accións destes centros, a feira divulgativa Exxperimenta en Feminino, tivo que anularse este ano pola pandemia polo que a súa organización apostou por dotar de contidos divulgativos a súa web, entre eles un vídeo feito pola Cátedra Aldaba Wib: Women, ICT & Business, da empresa Aldaba e as universidades de Vigo e A Coruña, de promoción das vocacións científicas en enxeñaría informática desde unha perspectiva de xénero.  

Seis traballos literarios e visuais premiados

Entre os obxectivos do Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, destacan os centros promotores, están promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e das súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia e chamar a atención destas futuras xeracións sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna. Por este motivo, desde a organización da iniciativa fan fincapé en agradecer a alumnado, profesorado e centros a súa implicación nesta actividade. “Para nós é moi importante que o alumnado traballe estes referentes femininos na aula, por iso agradecemos de xeito especial ao profesorado que se involucre neste certame”, apuntan. O concurso, que conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da UVigo, convidaba ao alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria a presentar traballos visuais ou literarios sobre a súa visión do papel das mulleres na ciencia. Finalmente presentáronse case 200 traballos, deles case medio centenar de redaccións e o resto debuxos, ademais de dous vídeos. Desde a organización felicitan a todas e todos estes participantes polo traballo realizado e sobre todo por ter achegado o seu grao de area á loita pola visibilización da muller na ciencia e o fomento das vocacións no eido das ciencias e as enxeñarías.

Na modalidade visual, na categoría de alumnado de Primaria, o primeiro premio acadouno David Isaac Wang Lin, do CPR Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle de Ourense; o segundo Lucía Tabi Pillajo, do mesmo centro, e o terceiro Javier Sanjurjo do Campo, do CPR Plurilingüe Santa María-Maristas de Ourense. Na categoría de alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, o primeiro premio foi para Diego Rodríguez Carril, do CPR Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle; o segundo para Mencía Soto López, do CPR Plurilingüe A Purísima de Ourense, e o terceiro para Rosa María Rodríguez Diz, do Colexio Santo Ángel de Ourense.

Na modalidade literaria, en Primaria o gañador foi Joaquín Daga Falagán, do Colexio Pablo VI de A Rúa, polo texto Podes chegar a ser científica; a fórmula é esforzo mesturado con talento. O segundo premio foi para Lucía Rodríguez González, de Franciscanas de Ourense, pola redacción As científicas españolas. O terceiro premio foi para Clara Rodríguez Alejandre, tamén do Colexio Pablo VI de A Rúa, por De maior… ¡Científica!. Na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria, o primeiro premio foi para Antía Ollero Cadilla, do IES As Lagoas de Ourense, polo texto Érase unha muller que quixo facer historia; o segundo para Omaima Limane Limane, do IES Xesús Taboada Chivite de Verín pola peza Rosalind Franklin, e o terceiro para Noa Rodríguez Calviño, do CPR Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle de Ourense, por Soños que serán realidade. Os agasallos que recibirán as e os galardoados son libros sobre mulleres científicas axeitados á súa idade, calculadoras Casio da colección Women in Science e tazas de Exxperimenta en Feminino, agasallos financiadas polos centros organizadores do certame e a Unidade de Igualdade da UVigo.

Vídeo da Cátedra Aldaba Wib: Women, ICT & Business

Nas anteriores edicións, estes premios entregáronse durante a celebración nestas datas da feira divulgativa Exxperimenta en Feminino, pero debido á pandemia este ano tivo que anularse a súa celebración, quedando a entrega dos galardóns do concurso aprazada ata que a situación sanitaria o permita. Tendo en conta as limitacións para a divulgación provocadas no último ano pola covid-19, os centros organizadores destacan como se traballa a través da web da iniciativa na difusión de contidos. Entre eles, este xoves publicouse nesta web un vídeo de promoción das vocacións científicas en enxeñaría informática desde unha perspectiva de xénero feito pola Cátedra Aldaba Wib: Women, ICT & Business. Esta cátedra da empresa Aldaba e as universidades de Vigo e A Coruña, ten entre os seus obxectivos enriquecer o progreso das TIC promocionando unha crecente participación das mulleres no seu desenvolvemento.

O vídeo foi realizado desde a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e nel a súa profesora Alma Gómez explica dun xeito ameno e directo, e dirixíndose de xeito especial ás rapazas, as oportunidades que ofrecen as carreiras de enxeñaría informática e as razóns para estudar esta titulación, desde razóns sociais, como o impacto na vida das persoas que ten a informática, ata razóns persoais, como a alta empregabilidade deste grao. Facendo fincapé en como na actualidade “só 1,5 rapazas escolle informática por cada 10 alumnos”, no audiovisual advírtese como estas cifras evidencian que se está perdendo o talento das mulleres nun sector clave no presente e futuro da sociedade e se anima ás rapazas a considerar entre as súas opcións estudar enxeñaría informática.