DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe celébrase a primeira sesión das xornadas 'O talento feminino SUMA'

Muller e mundo empresarial, unha simbiose posible 

Preto de medio cento de mulleres participan nas sesións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Emprender
  • Igualdade
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Mª Carmen Echevarría DUVI 09/10/2018

Cunha conferencia a cargo da socióloga, consultora e presidenta de honra da Federación Española de Mujeres Directivas y Empresarias, Pilar Gómez.-Acevo, comezou esta mañá a primeira das dúas xornadas de O talento feminino SUMA, unha iniciativa da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo na que participan preto de 50 estudantes, tituladas, PDI, PAS e persoal de departamentos de recursos humanos de empresas, co obxectivo de promover a diversidade de xénero e as boas prácticas en captación de talento feminino nas empresas. Á conferencia inaugural de Gómez- Acevo, titulada Ser muller non morrer no intento. Como desenvolverse con éxito no mundo empresarial, seguiulle unha mesa redonda centrada nas boas prácticas nas empresas, coa que se pechou a sesión matinal das xornadas, que continuarán pola tarde no edificio Citexvi coa celebración do obradoiro Elevator Pitch: quen es en 90 segundos, no que as participantes abordarán cuestións como o deseño dunha imaxe de marca persoal e dunha proposta de valor ou como facer networking. 

A xornada continuará o día 24 de outubro, no Ifevi, no marco da Feira Internacional de Emprego, FindeU, cunha sesión na que as participantes nas xornadas realizarán as súas presentacións ante responsables de recursos humanos de empresas e un xurado que premiará a mellor presentación e a máis orixinal.

Universidades que cren e apostan polas achegas das mulleres á empresa

Na inauguración das xornadas a vicerreitora de Captación, Estudantes e Extensión defendeu o papel formativo da universidade, pero máis aló do aspecto estritamente académico, para ofrecer unha formación integral “en destrezas, habilidade e valores na procura dunha sociedade mellor para todos”. Natalia Caparrini lembrou que a muller representa o 50% do capital humano no mundo, cun nivel de preparación similar o dos homes, pero cunha presenza na dirección de empresas escasa “debido principalmente a razóns que non teñen que ver con capacidades, nin con dispoñibilidade, por iso a universidade cre e debe apostar pola diversidade e a contribución específica e distintiva de mulleres na empresa”, asegurou a vicerreitora.

Caparrini tamén defendeu, que ao igual que ocorre noutras institucións e organizacións, nas universidades sexan obxectivos prioritarios: o fomento da participación da muller en postos de dirección; concienciar ás empresas e institucións e á sociedade en xeral do valor engadido que se acada fomentando a participación da muller nos ámbitos de dirección; conseguir que as mulleres empresarias e directivas teñan maior visibilidade e así crear exemplos, referentes e boas prácticas e acadar que as políticas das empresas faciliten ás mulleres ter unha contribución valiosa profesionalmente, pero tamén persoal e familiar. 

Primeiro persoas e logo mulleres e homes

Fronte a evidencias como que as mulleres teñen que traballar 79 días máis ao ano para cobrar o mesmo que os homes ou que elas teñen máis estudos, pero eles máis traballo, Pilar Gómez-Acevo centrou a súa conferencia inaugural en reivindicar determinados aspectos e actitudes que a socióloga considera claves no desenvolvemento dunha carreira profesional. Gómez- Acevo comezou por poñer en valor a importancia da intratexia, do valor exclusivo, para desde aí chegar á estratexia, así como da autoestima “que fai do eu un nós, que é o vale”, fronte ao ego. “Cómpre crear un nós e un comportamento emocional, non confundindo o sentimento co sentimentalismo; a sensibilidade coa sensiblería; a inocencia coa inxenuidade e a lealdade coa fidelidade”, explicou a socióloga, que avogou por unha xestión baseada na sensibilidade como símbolo de intelixencia e por retornar a un pensamento indutivo “que leva a pensar máis aló e a sentir, fronte a moita xente que ten atrofiados os sentimentos e así son manexados”, asegurou.

Na súa conferencia Gómez- Acevo defendeu, “o marxe de ser politicamente correcta, que me dá exactamente igual, primeiro persoas e logo, homes ou mulleres. Cando hai unha persoa, quen sexa máis persoa, que lidere. Que pasa? Que esa falta de autoestima, de seguridade na muller, fai copiar o peor do home, fai que se comporte como o que fracasou nos homes: a agresividade, o curtopracismo… o que non quita a dureza, porque eu das cousas que máis traballo é da dozura á bravura. Hai que saber conxugar á vez as dúas cousas”, dixo a consultora, que demandou traballar a autoestima para chegar á solidariedade. Gómez-Acevo, que rexeitou as cotas “que dividen ás mulleres, que é o que se quere”, debullou as que considera claves nun bo currículo vitae, fronte a un currículo mortem, que sempre dá e non pide ou non conta todo, para así crear unha expectativa no empregador ou empregadora. 

A consultora rematou a súa intervención detallando un decálogo, a modo de síntese, en clave feminina, como do mercado de traballo “que vai máis aló e é máis complicado do que nos están a presentar”. Neste sentido, asegurou e no que puxo o acento e aspectos como a creación dunha rede de amizade e persoas coñecidas (networking); a xeración de visibilidade; entrar en círculos de influencia; pensar nunha mesma; aceptar a incerteza; tomar riscos; pensar en pequeno e actuar grande e rir, “o primeiro dun mesmo, o que nos vai sacar dos peores momentos”, asegurou Gómez-Acevo.