DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras anunciarse o pasado luns a posta en marcha desta medida

As mulleres da comunidade universitaria xa poden acceder a compresas e tampóns de balde

Polo momento a través das delegacións de alumnado e, en breve, en dispensadores nos baños

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Saúde
  • Institucional
D. Besadío DUVI 12/03/2021

Tal e como se anunciou este luns, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller, a maior parte das delegacións de alumnado das facultades e escolas dos tres campus dispoñen xa de compresas e tampóns para que todas as mulleres da comunidade universitaria que o precisen poidan acceder a elas de xeito gratuíto. Así se fará ao longo das vindeiras semanas, si ben, a idea é que nun prazo breve de tempo, se acceda a estes produtos de hixiene a través de dispensadores que se colocarán nos baños.

Adriana González, alumna do segundo curso de Enxeñaría Biomédica e membro da Delegación de Alumnado da Escola de Enxeñería Industrial, non dubida en afirmar que se trata dunha iniciativa que “nace dunha necesidade tanto do alumnado, como do PDI e do PAS de poder acceder a uns produtos que son básicos para calquera muller”. Salienta que, desde a súa escola levaban xa tempo detectando esta necesidade e, ao atoparse a delegación de alumnado moi preto dos baños femininos, pareceulles unha boa idea pór a dispoñibilidade das alumnas estes produtos, e así o fixeron desde o pasado mes de xaneiro. “A campaña que puxemos en marcha para anunciar esta medida non foi moi afortunada, pero o importante é que as cousas chegaron a bo fin”, recalcou a alumna.

Na Delegación de Alumnado da Escola de Enxeñaría de Minas e de Enerxía admiten que estaban pensando xa tamén en levar a cabo algunha iniciativa similar e, neste senso, “a noticia de que xa se puña en marcha desde a Universidade vainos facilitar moito a posta en marcha deste servizo”, admitía Alejandro Casal. Desde a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Alfredo González, salientou que se trata dunha medida moi benvida, “un avance que, por fin, chega, xa que tanto desde esta delegación como desde outras levamos varios anos pelexando por conseguilo”. Nesta liña, consideran que o que lles gustaría é facelo máis expansivo “no senso de que as máquinas dispensadoras non se poñan só non servizos de asignación feminina, senón tamén nos masculinos, xa que hai persoas menstruantes que non teñen porque identificarse necesariamente co xénero feminino e tamén deben ser tidas en conta”, indicou González, quen lamentou que, dado que as delegacións de alumnado van participar no reparto, non se lles comunicase previamente esta medida para poder organizarse cun pouco máis de marxe temporal.

Primeira universidade española en adoptar esta medida

Coa posta en marcha desta iniciativa a institución académica viguesa dálle a todas as mulleres da comunidade universitaria acceso gratuíto e universal a tampóns e compresas, converténdose así na primeira universidade española en adoptar esta medida contra a pobreza menstrual, o que confirma o seu “activismo menstrual”, un senda que arrancou o 8M do 2019, cando a celebración do Día internacional da muller pivotou sobre esta cuestión, “como emblema dunha xeración de mozas que escollen o corpo como auténtico símbolo político feminista, e ao sangrado como ‘berro’ fronte a misoxinia que aniña aínda na nosa cultura”, lembraba esta mesma semana a directora da Unidade de Igualdade Águeda Gómez, ao tempo que recalcaba que “a menstruación é un proceso natural e esta medida resulta un xeito de normalizar unha necesidade das mulleres”, así como unha maneira de subliñar “a proactividade da UVigo á hora de acabar coas dinámicas sociais que historicamente excluíron e infravaloraron ás mulleres e as súas necesidades específicas”.