DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta é unhas das conclusións da tese de doutoramento da investigadora de Ecobas Amaia Palencia

As mulleres migrantes sofren unha dobre segregación ocupacional: por orixe e por xénero

No seu estudo avalía o impacto da concentración laboral nos diferentes grupos sociais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Investigación
M. Del Río DUVI 24/02/2023

Muller e migrante. Esta combinación ten como resultado un elevado nivel de segregación ocupacional nos países europeos, sobre todo nos do sur do continente. Esta é a realidade que debuxan os resultados da tese de doutoramento da investigadora de Ecobas Amaia Palencia, que forma parte do grupo Ecosot: Economía, Sociedade e Territorio. 

No seu estudo, Essays on gender and immigration in the EU labor markets (Ensaios sobre xénero e inmigración nos mercados laborais da UE), dirixido pola catedrática da UVigo Coral del Río e pola catedrática da Universidad de Alcalá Olga Canto, céntrase na análise da segregación ocupacional por razón de xénero e estatus migratorio e as súas consecuencias e faino a través de tres estudos diferentes que dan forma á tese. Deste xeito trata de ofrecer unha perspectiva comparativa sobre a segregación ocupacional e achega un estudo de caso para afondar nos efectos que a sobrerrepresentación de inmigrantes no sector doméstico pode provocar na poboación nativa. 

As mulleres inmigrantes sofren unha dobre desvantaxe

Nunha primeira parte do seu estudo, Palencia puxo o foco en cuantificar os niveis de segregación ocupacional que experimentan homes e mulleres nativos e inmigrantes en Europa. Centrouse na poboación inmigrante en 2019, “pero tamén exploramos a súa evolución dende 2005 e a situación á que se enfronta a segunda xeración de inmigrantes”. Os seus resultados indican que a poboación inmigrante “presenta maiores niveis de segregación que os nativos” e que as mulleres inmigrantes “sofren unha dobre desvantaxe, xa que tamén están máis segregadas que os seus homólogos masculinos”. Respecto da segunda xeración, “está menos segregada que a primeira, corroborando así a teoría da asimilación”. Outro dos aspectos que aborda nesta primeira parte do estudo son as diferencias xeográficas e, a este respecto, a investigadora subliña que “a segregación é xeralmente menor no noroeste de Europa e máis alta no sudeste”. Por outra banda, e atendendo á análise contractual, Amaia Palencia determinou que certas características da poboación inmigrante, como a educación, a orixe e os anos de residencia, “explican unha pequena parte das diferenzas entre países, o que suxire que o marco institucional, as políticas de integración ou as normas específicas de cada país xogan un papel importante”.

Maiores perdas económicas e de benestar en Italia, España, Eslovenia e Alemaña

Unha segunda parte da tese de Amaia Palencia céntrase en cuantificar as perdas e ganancias económicas e de benestar que xorden da segregación ocupacional por xénero e status migratorio en 12 países europeos. Os resultados obtidos amosan que as consecuencias da segregación “son negativas para a maioría dos traballadores estranxeiros, especialmente para as mulleres, xa que obteñen maiores perdas económicas e de benestar que os homes”. Estas perdas son, destaca a autora, “notablemente altas en Italia, España, Eslovenia e Alemaña”, en contraposición ao caso portugués ou británico, “onde os homes inmigrantes incluso obteñen ganancias”. Ademais, Palencia tamén destaca que non só as mulleres inmigrantes sofren perdas, senón que tamén as nativas se enfronta a esta situación en varios países, sendo as perdas sociais máis altas en Italia e as máis baixas en Portugal.

A investigadora empregou unha análise contrafactual que lle permitiu determinar que a procedencia, os anos de residencia e, en particular, a educación dos inmigrantes “explican unha parte significativa das disparidades xeográficas atopadas” e atendendo a estes resultados considera que “as políticas de inmigración deben facilitar a homologación de títulos e documentos estranxeiros para evitar unha desvalorización educativa dos inmigrantes e axudar a que a man de obra se axuste cada vez máis ás necesidades do mercado laboral”.

A importancia das mulleres inmigrantes como coidadoras e substitutas do traballo doméstico

No terceiro capítulo da súa tese, a investigadora quixo poñer o foco na outra cara da moeda, é dicir, no impacto socioeconómico da inmigración no país de acollida. En concreto centrouse no papel das mulleres inmigrantes como coidadores de menores e substitutas do traballo doméstico. 

Os resultados amosan que os fluxos migratorios minoran as diferencias de xénero no mercado laboral, un impacto que é maior entre os individuos con fillos, xa que “dado que as mulleres españolas asumen a maioría das tarefas do fogar, o efecto adicional atopado nas familias con menores captura o papel que xoga a poboación inmigrante como substituta das mulleres nos labores de coidado”. 

Estes resultados suxiren, recalca a autora, “que a inmigración pode reducir as diferenzas de xénero nos ingresos ao permitir que as nais aumenten a súa xornada” e, deste modo, os datos obtidos permiten constatar a “importancia das responsabilidades familiares na limitación das horas de traballo e dos ingresos potenciais. “A pesar do efecto substitución”, engade Palencia, “a maternidade ten un impacto negativo sobre a carreira laboral das nais” e , neste sentido, destaca a necesidade de que España fortaleza as súas políticas de conciliación laboral e familiar” aumentando, por exemplo, a inversión pública en servizos de gardería, ampliando os permisos de paternidade ou favorecendo a flexibilidade da xornada laboral.