DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e EE de Telecomunicación acollen unha xornada contra a explotación sexual

As mulleres prostituídas, entre a falta de empatía e crueldade do cliente e a indiferenza da sociedade

A investigadora Silvia Pérez Freire ofreceu un relatorio en Ourense sobre explotación sexual

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Cultura
M. Del Río DUVI 24/09/2019

Segundo un informe elaborado polas Nacións Unidas, España é o terceiro país do mundo en demanda de prostitución, tan só tras Tailandia e Puerto Rico. Os datos amosan que no Estado español o 39% dos homes pagaron nalgún momento da súa vida por manter relacións sexuais, mentres que en Tailandia a cifra ascende ao 71%  e en Puerto Rico ao 61%.

Son cifras, pero reflicten un grave problema social, amosan unha sociedade que vive de costas a unha realidade: o 90% das mulleres que exercen a prostitución fano de maneira forzada. Para abordalo, analizalo e concienciar á cidadanía, a Universidade de Vigo uniuse á conmemoración do Día internacional contra a explotación sexual e a trata de persoas, que se celebrou onte luns, coa organización das xornadas nos campus de Ourense e Vigo.

Esta mañá a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolleu a proxección do documental Serás hombre, dirixido por Isabel de Ocampo. Segundo a directora da Unidade de Igualdade da Universidade, Águeda Gómez, esta peza “é unha interpelación a todos os homes, tanto aos modelos de masculinidade hexemónicos, como aos alternativos, feministas etc .” 

Xa pola tarde, a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolleu un debate sobre a prostitución da man da profesora de Socioloxía no campus de Pontevedra Silvia Pérez Freire, autora de varios estudos sobre explotación sexual e seis libros monográficos, entre eles El putero español, asinado xunto á propia Águeda Gómez e Rosa María Verdugo. A súa tese de doutoramento centrouse na trata sexual como mecanismo social de ocultación da prostitución como violencia de xénero e esta é a idea central da súa intervención, titulada Os homes e a prostitución. Por que dicimos trata se falamos de prostitución?. “A trata sexual está sendo na actualidade un artefacto co que a sociedade aspira a deixar fora de campo a prostitución, o seu cuestionamento ético e, sobre todo, a calmar unha conciencia social que non desexa ser interpelada… sobre todo, a dun tipo de masculinidade”. 

Trata, explotación e prostitución, o marco xurídico é parte do problema

Pérez Freire lembra que é precisamente o marco xurídico o que establece as diferencias entre trata, explotación e prostitución “é parte do problema”. Explica que só se considera vulneración de dereitos humanos a trata, aínda que tamén puntualiza que non “se estea a perseguir coa dilixencia debida”. Porén, a explotación sexual, “que está penada tamén pero conta cunha ampla tolerancia social e institucional” e a prostitución “seguen sen abordarse con valentía e rigor”. A investigadora considera que representan unha “manifestación da violencia da xénero existente, quizais a máis cruenta, e seguimos dándolle as costas”, xa que as mulleres explotadas e prostituídas “non contan coa solidariedade social, só coa desconfianza e o estigma”, remarca. 

Case un de cada catro homes son prostituidores 

Tras este negocio, ademais de redes criminais e unha contorna de permisividade, hai tamén unha sociedade marcadamente patriarcal. Para Pérez Freire “atopámonos nun sistema prostitucional cunha corrupción xeneralizada unida a unha conivencia total co consumo de sexo de pago e iso implica a todos e todas”. Neste sentido lembra que a cidadanía tende a mirar cara outro lado pero “o certo é que nos toca máis de preto do que poderíamos pensar, xa que case un de cada catro homes son prostituidores, polo que ben seguro que coñecemos a moitos, sen sabelo realmente”. 

É precisamente a actitude, falta de empatía e frialdade dos clientes-prostituidores outra das claves do mantemento deste sistema de explotación. “Non queren saber”, recoñece a investigadora, “o que din cando algunha muller lles conta a súa situación é que son películas, para dar pena e sacarlles máis diñeiro”. Nos diferentes estudos e investigación que foi realizando ao longo do tempo, Pérez Freire contrastou que ese é o lugar común dos consumidores de prostitución. A súa conducta prostituidora “esixe falta de empatía como mínimo e, en moitos casos, exercicios de crueldade ao non ter en conta a dor do outro, case o mesmo que fai a sociedade coa súa indiferenza”, conclúe a socióloga.

Excusas, unha mostra na EE de Telecomunicación

No marco desta xornada, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolle dende o pasado venres e ata o día 4 de outubro a exposición Excusas, unha serie fotográfica que destapa os motivos que esgrimen os homes para pagar por sexo. “Pago e xa esta, non me preocupo de nada máis, é algo á venda que eu compro” ou “ligar costa moito traballo e ademais non tes ningunha garantía de éxito” son algúns dos testemuños que se recollen nesta mostra, que tamén visibiliza as denuncias das mulleres prostituídas, que recoñecen, por exemplo, que non o viven como un traballo, “senón como unha violación detrás de outra” ou que “o cliente ten o poder porque sabe que o necesitas para vivir”.