DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iria Feijoó, Raquel Pérez e Trinidad González-Portela recibiron hoxe os seus galardóns

As mulleres, protagonistas dos Premios Laranxa ao mérito docente que outorga a Delegación de alumnado da EEI 

Eduardo Godoy acadou o premio de 1º ciclo teoría e Mª José Rivas o do mellor PAS

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Premios
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 14/10/2022

Co obxectivo de evidenciar de xeito manifesto “que un bo traballo merece o seu debido recoñecemento” a Delegación de alumnado da Escola de Enxeñaría Industrial entregou este venres na sede de Torrecedeira do centro os Premios Laranxa ao mérito docente. Os galardóns, que acadan este ano a súa segunda edición e tamén recoñecen o labor do PAS, premian nas categorías teoría e prácticas, primeiro e segundo ciclo, o esforzo e dedicación do persoal docente da escola, atendendo ao criterio do alumnado que elixe ás e aos gañadores cos seus votos. “Este ano a participación foi realmente boa. Á hora de tentar mobilizar á totalidade do estudantado, sempre comentamos que non é doado acadar unha participación total. Porén, e especialmente grazas ao traballo dos e das delegadas de curso, que coordinaron as votacións en cada nivel, este ano conseguimos unha moi boa participación”, explican desde a Delegación de alumnado, que mesmo aseguran, “semella que estamos a espertar certo interese entre o estudantado e os docentes”.

Premios con nome de muller 

Nesta segunda edición dos galardóns, as docentes acadaron tres dos catro premios, os correspondentes a: 1º ciclo prácticas, Iria Feijoó Vázquez (Departamento de Enxeñaría dos materiais, mecánica aplicada e construción), con 20 votos; 2º ciclo teoría, Raquel Pérez Orozco (Departamento de Ingeniería Mecánica, Máquinas y Motores Térmicos y Fluídos) , con 14 votos e 2º ciclo prácticas,  A. Trinidad González-Portela Garrido (Departamento de Organización de empresas e márketing) con 15 votos. Pola súa banda, Eduardo Godoy Malvar con 22 votos, recibiu o premio 1º ciclo teoría e María José Rivas Sieira, conserxe na sede cidade da Escola, foi recoñecida como a mellor PAS.  

“Repítense moitas das nominacións, e as e os gañadores do ano pasado obtiveron posicións moi altas. Mais neste caso as e os vencedores en cada categoría non se repetiron”, detallan deste da Delegación de alumnado, que tamén lembran que “con respecto á anterior edición, fortemente marcada pola pandemia, e que de feito se realizou de xeito telemático, mantivéronse todas as categorías, agás a que se reservara para  galardoar a mellor teledocencia durante a covid”, explican as e os organizadores dos Premios Laranxa.