DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A intervención 'Inside Out: Mulleres [Rur]Urbanas' desenvolverase este xoves en Pontevedra

As mulleres do rural protagonizan a primeira acción en Galicia do maior proxecto de arte urbana do mundo

Os retratos feitos por 25 estudantes exhibiranse no espazo público

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Pontevedra 10/03/2020

Un cento de retratos fotográficos de mulleres rurais galegas, impresos a gran tamaño, presidirán este xoves as fachadas da Facultade de Belas Artes e da Casa Consistorial, así como o acceso á sede da Vicerreitoría do campus. Nestes tres espazos desenvolverase nesta xornada a intervención artística Inside Out: Mulleres [Rur]Urbanas, un proxecto impulsado por 7H Cooperativa Cultural en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e a Concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra. A iniciativa, que contou coa participación de 25 estudantes de Belas Artes, suporá así mesmo a primeira acción que se desenvolva en Galicia dentro do proxecto colectivo de arte urbana máis grande do mundo, o Inside Out Project, que ten como propósito transformar o espazo público a partir da utilización da arte de rúa como unha ferramenta de expresión comunitaria.

Dar visibilidade e reivindicar “o esquecido e mesmo desprezado rol das mulleres do rural galego no sostemento do desenvolvemento colectivo”, así como “na historia e cultura galega”, constitúe, como sinalan desde 7H Cooperativa Cultural, o obxectivo principal de Mulleres [Rur]Urbanas. Esta intervención artística, de carácter deliberadamente efémero, iniciarase arredor das 8.30 horas e finalizará sobre ás 18.00 horas coa presenza dalgunhas das mulleres retratadas. 

Fotografías realizadas polo alumnado de Belas Artes

25 alumnos e alumnas de Belas Artes, coordinados polo equipo de 7H, conformaron o grupo de acción artística que levou a cabo esta iniciativa, para a que esta cooperativa cultural levou a cabo, coa colaboración do centro, unha convocatoria na facultade. Desde o pasado mes de outubro, o alumnado levou a cabo un traballo de recollida de testemuños dun centenar de mulleres de diversas idades e ocupacións da provincia de Pontevedra, ás que posteriormente retratou tentando captar a forza das súas historia de vida. O resultado deste labor “de diálogo e descuberta interxeracional”, como sinalan desde 7H, desvelarase este xoves, cando 72 fotografías dos rostros das retratadas, impresas en formato póster, colocaranse nas paredes exteriores da Facultade de Belas Artes, mentres que outras 22 exhibiranse nas ventás do edificio da Casa Consistorial e, as restantes, na cristaleira de entrada da Vicerreitoría do campus.

Proxectar á muller rural nos espazos urbanos

Creado en 2011 polo recoñecido artista francés JR, o Inside Out Project leva nove anos convertendo as rúas de medio mundo en galerías de arte ao aire libre, a través de procesos participativos baseados no uso da fotografía. Ata a data, esta iniciativa, que emprega a arte como ferramenta de expresión comunitaria e que en 2011 foi gañadora do Ted Prize, desenvolveuse en máis de 1800 localizacións de 142 países. Edificios, muros e espazos singulares de cidades como Shangai, Nova York, Berlín, Los Ángeles, Belén ou La Habana acolleron a instalación de “fotografías de rostros, anónimos e expresivos, transformadas en vehículos de todo tipo de preocupacións e demandas, desde a esperanza da reconciliación en comunidades atravesadas por conflitos civís, até demandas de dereitos laborais ou lembranzas de tempos pasados”. Na primeira vez que se desevolverá en Galicia, farao co propósito de “reivindicar a importancia do colectivo na construción identitaria e de introducir a idiosincrasia do rural e das mulleres que o habitan en espazos reservados tradicionalmente aos sectores masculinos, ilustrados e urbanos da sociedade”, explican desde 7H. 

Todo o proceso que se leve a cabo este xoves será documentado co propósito de que pase a formar parte da propia plataforma web do Inside Out Project, na que se compilan todas as accións desenvoltas no marco desta iniciativa nos diferentes países. Previamente, esta intervención artística será presentada, ás 12.30 horas, nun acto que contará coas intervencións da directora da Unidade de Igualdade da Universidade, Águeda Gómez; e da concelleira de Igualdade, Paloma Castro, así como da equipa de 7H e do alumnado participante.