DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na terceira edición das Xornadas técnicas AER-UVigo

Mulleres tecnólogas reivindican o seu papel no sector da robótica e a automatización

Explicaron nunha mesa redonda as motivacións e experiencias vividas no seu periplo profesional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Académica
D. Besadío DUVI 07/03/2022

Mar Masulli, Pepa Sedó, Carolina López, María Benítez, Rocío Lara, Ainoa Castro, Noemí Rabasco e Antía Fernández, todas son mulleres e todas traballan ou estudan no sector da automatización e da robótica. Elas foron este luns, véspera da celebración do Día Internacional da muller, as protagonistas da terceira edición das Xornadas técnicas AER-UVigo, unha actividade coordinada polo profesor da Escola de Enxeñería Industrial José Ignacio Armesto, “alma mater das xornadas”, e que, nesta ocasión, puxo o énfase en proxectar o papel das mulleres en dous sectores nos que, tal e como destacaron as participantes, a presenza feminina segue a ser, pese aos avances acadados, aínda minoritaria.

“Todas estas mulleres son pioneiras e verdadeiros exemplos a seguir”, recalcou a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, na inauguración das xornadas, organizadas pola Asociación Española de Robótica e Automatización, AER, e a Universidade de Vigo. Xunto a ela participaron tamén o xerente de AER,  Alex Salvador, e o presidente de AER Automation, Salvador Giró, aos que se sumou, a través dunha intervención previamente gravada, o alcalde de Vigo Abel Caballero.Todos fixeron fincapé na importancia de que as mulleres se sumen ás carreiras STEM, “que isto sexa a norma e non a excepción”, tal e como destacou o xerente de AER, quen tamén salientou que se trata de sectores laborais con grandes perspectivas de futuro e nos que as ofertas de traballo non van deixar de medrar. “O futuro amósase excelente e estou seguro de que as mulleres van ter moita máis presenza a todos os niveis”, subliñou o presidente de AER Automatión. Ademais de felicitalas polas súas traxectorias, a vicerreitora de Investigación destacou tamén a importancia de “non prescindir do talento da metade da poboación” en dous ámbitos que son claves para a economía, “tanto a curto como medio prazo, e que supoñen todo un cambio de paradigma para o emprego”.

“Hai ofertas laborais nas que de cada 30 currículos, só un é de muller”

Celebrada de xeito totalmente virtual, a mesa redonda contou coa participación de mulleres directivas de diferentes empresas asociadas a AER Automation, como Mar Masulli, CEO & Co-founder de Bitmetrics; Pepa Sedó, R&I Policies and Funding Programmes de Eurecat; Carolina López, Chief Technology Officer de Infaimon; María Benítez, Chief Marketing Officer de Robotnik e Rocío Lara, responsable da Área Educativa de Ro-Botica. Xunto con elas, interviñeron tamén unha alumna da Universidade de Vigo, Ainoa Castro, do Grao en Electrónica Industrial e Automática, e outra de Formación Profesional, Noemí Rabasco, que cursa o Grao superior en Automatización e Robótica Industrial. Encargouse de exercer como moderadora Antía Fernández, directiva neste caso do centro tecnolóxico Gradiant, onde exerce como R&D Codirector of Intelligent Systems Area.

Cada unha delas achegou as súas experiencias, relatou como foi o seu proceso de formación e traxectoria laboral en eidos maioritariamente masculinizados, e unírono co relato do traballo que desenvolven na actualidade nos grupos de traballo AER que elas lideran. “Somos unhas auténticas namoradas das tecnoloxías”, explicou Carolina López, ao que María Benítez, engadiu que “hai ofertas laborais nas que de cada trinta currículos, só un é de muller”, unha escaseza de profesionais que Antía Fernández achacou a que “falta que se formen, que se matriculen neste tipo de titulacións STEM para que logo nos poidan chegar currículos ás empresas”.

Elas son enxeñeiras de telecomunicación, industriais ou, mesmo, xornalistas e, desde sempre, as súas traxectorias profesionais estiveron vinculadas ao mundo da I+D, da industria 4.0, da intelixencia e visión artificial, da saúde, do deseño e impresión 3D... multitude de sectores porque, tal e como elas mesmas destacaron, a automatización e a robótica están presentes na inmensa maioría de actividades industriais.