DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O adestramento personalizado súmase ao programa de actividades da Área de Benestar, Saúde e Deporte

Múltiples opcións para un inicio de curso moi deportivo

Ata o venres 28, o acceso a actividades e instalacións é gratuíto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 19/09/2018

Múltiples opcións para manterse ou poñerse en forma, coidar a saúde e facer deporte. Isto é o que cada inicio de curso achega á comunidade universitaria o programa de actividades da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade, que arrinca o ano académico con dúas semanas de portas abertas, desde este luns 17 e ata o vindeiro venres 28, no que o acceso ás instalacións e actividades será gratuíto para a comunidade universitaria. Aos abonos, ligas internas ou centros deportivos colaboradores, a área suma un ano máis unha serie de actividades dirixidas gratuítas para os usuarios e usuarias do abono Muver, á que se incorpora, como novidade, unha actividade de adestramento personalizado que, no caso do campus pontevedrés, contará con tres grupos en diferentes horarios.  

Con diferentes prezos segundo se trate de integrantes da comunidade universitaria, familiares ou titulados e tituladas, o abono Muver, que o pasado curso contou con máis de 400 usuarios e usuarias no campus e que se pode adquirir en modalidade cuadrimestral, anual ou só de verán, reúne o acceso á sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario, descontos nas diferentes actividades da área, así como a participación gratuíta, previa reserva na plataforma Deporxest, nas actividades dirixidas que desde esta semana se desenvolven, en diferentes horarios nestas instalacións. Trátase de pilates, ciclo indoor e cross training, “tres actividades que están funcionando moi ben e que o pasado curso tiveron moita afluencia”, como explica o técnico da área Gustavo Loureiro, e ás que se suma agora adestramento personalizado. “Serán grupos reducidos dun máximo de cinco persoas e un mínimo de tres, cos que se fará un traballo moi específico, con intensidade, e moi personalizado”, explica o responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus.

Para dar a coñecer estas e outras propostas, a área promove desde este luns e coincidindo coa conmemoración da Semana Europea do Deporte, dúas semanas de portas abertas nas que a comunidade universitaria “ten acceso gratuíto ás instalacións é tamén ás actividades dirixidas”, con independencia de se conta ou non cun abono, aínda que no caso das actividades será preciso “facer a reserva previamente para garantir que teñan praza nesa actividade”, explica Loureiro.

Opcións deportivas e de saúde

Por outra banda, permanece tamén aberto tamén o prazo de inscrición nas ligas internas de baloncesto, balonmán, fútbol sala, fútbol 7, rugby 7 e voleibol, outra das propostas deportivas que coordina a Área de Benestar, Saúde e Deporte que tamén pon a disposición da comunidade universitaria os servizos de medicina deportiva e fisioterapia. No primeiro dos casos, explica Loureiro, as consultas levaranse a cabo en mércores alternos na EE Forestal, tendo á opción a comunidade universitaria de realizar unha consulta informativa gratuíta, unha revisión médico-deportiva básica, probas de esforzo ou consultas dietéticas. No caso da fisioterapia, o servizo prestarase tamén na EE Forestal todos os martes e xoves, coa opción tanto de reservar unha única sesión como de adquirir bonos de cinco. 

A estas propostas súmanse ademais os centros deportivos colaboradores, que ofrecen condicións vantaxosas á comunidade universitaria no acceso ás súas instalacións e actividades, e dos que forman parte en Pontevedra o Centro Budo, Formax Ximnasios Femininos, e o Ximnasio Ardeas.