DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores do campus crean unha web do xogo terapéutico Memodado

Multitasking Cubes, unha ferramenta para a rehabilitación cognitiva

De acceso público baixo licencia de software libre

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 05/03/2018

“Unha plataforma web de uso clínico e baseada no método Memodado para a rehabilitación neuropsicolóxica de pacientes mediante a realización de tarefas de estimulación cognitiva de procesos relacionados coa atención e a memoria a través da execución de diferentes tarefas de restitución e/ou compensación”. Deste xeito preséntase Multitasking Cubes, unha ferramenta desenvolvida por investigadoras e investigadores do grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.

A iniciativa estivo financiada pola convocatoria 2017 de axudas a proxectos de investigación Inou da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Deputación Provincial. Liderada polo profesor Miguel Reboiro, completan o equipo participante as investigadoras e investigadores Rosalía Laza, Reyes Pavón e Hugo López. Para a realización do proxecto contouse ademais coa colaboración do neuropsicólogo Adolfo Piñón, autor do programa Memodado e investigador do Grupo de Investigación en Enfermidades Psiquiátricas do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, do Grupo Cibersam do Instituto de Saúde Carlos III e da Unidade Asistencial de Drogodependencias Cedro de Vigo. Francisco Otero, tamén do IIS Galicia Sur, do Grupo Cibersam e de Cedro; Adrián Varela, de Cedro, e Carlos Spuch e Tania Rivera, do IIS Galicia Sur e do Grupo Cibersam, completan o equipo de profesionais que colaboraron neste proxecto.  

“Na actualidade resulta de particular interese a aplicación de programas informatizados na avaliación e na intervención con pacientes afectados por diferentes patoloxías (dano cerebral, adiccións, patoloxías neuropsiquiátricas, enfermidades neurodexenerativas, deterioro cognitivo, etc.)”, comenta Reboiro Jato. Neste contexto, sinala, “este proxecto pretendeu desenvolver unha ferramenta que permita estimular e avaliar o rendemento dos pacientes, fomentando a actividade cerebral como un mecanismo xerador de reserva cognitiva”. Para facelo optouse polo programa Memodado, que se caracteriza por empregar un formato de xogo de mesa e dados para acadar os seus obxectivos. "A idea deste proxecto naceu a proposta de Adolfo Piñón, Francisco Otero e Adrián Varela, que buscaban avanzar no proxecto de levar á web Memodado despois de ter feito un primeiro prototipo", indica Miguel Reboiro. 

Aplicacións diferentes para paciente e terapeuta

Co fin de maximizar a capacidade de reutilización da plataforma e seguindo as boas prácticas da enxeñaría do software, sinala o líder do proxecto, o desenvolvemento de Multitasking Cubes dividiuse en cinco subproxectos. Deste xeito, creouse unha aplicación web para os pacientes, na que poden realizar as sesións asignadas polos terapeutas, e unha aplicación web para os administradores, directores de centros e terapeutas, na que poden xestionar a información do sistema, incluíndo a creación de sesións de xogos, a asignación das sesións e o seguimento dos pacientes por parte dos terapeutas. Tamén hai unha biblioteca independente coa implementación dos xogos que permite a súa integración noutras aplicacións e unha aplicación na que se poden probar os xogos do proxecto de forma rápida ou utilizalos de forma libre, sen necesidade de utilizar o resto de aplicacións da plataforma. Por último, está o subproxecto que xestiona o almacenamento da información da aplicación. Estas cinco ferramentas, sinalan os seus responsables, foron xa publicadas en repositorios públicos baixo unha licencia de software libre GPLv3.

En cada sesión o paciente afronta nunha serie de tarefas ou exercicios a realizar que o terapeuta pode configurar cunha serie de parámetros, tales como tempo máximo, nivel de dificultade ou número de intentos posibles. As tarefas seleccionadas e propostas para ser utilizadas no Multitasking Cubes, indican os seus responsables, “son algunhas das utilizadas máis frecuentemente nos estudos da memoria nos últimos anos, como trigramas, paradigma de pares asociados, procesos de recuperación da información por recordo e recoñecemento e span atencional”.

Na súa aplicación, os terapeutas poden ademais definir e configurar tantas sesións como desexen, adaptándoas ás necesidades específicas de cada paciente. “A configuración das sesións e a parametrización das tarefas que se inclúen nelas deberán ser programados polo terapeuta tendo en conta os resultados obtidos nun proceso de valoración neuropsicolóxica previo. Polo tanto, é posible modificar ou adaptar ditas tarefas en función da evolución dos pacientes durante un tratamento”, comentan os responsables da iniciativa. Segundo explican, “o feito de que se trate dunha plataforma web, ten a gran vantaxe de que pode ser utilizada polos pacientes en centros de rehabilitación ou no seu domicilio. Aumenta e mellora a experiencia de xogo e as posibilidades de tratamento”. A ferramenta base de Multitasking Cubes, sinalan, está xa dispoñible, continuando o traballo coa ampliación do número de xogos dispoñibles e o seu perfeccionamento.