DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jesús Souza Troncoso, decano da Facultade de Ciencias do Mar:

“O mundo real é o que nos obriga a marcar as diferenzas, as empresas demandan xente ben formada para poder contratala”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 14/04/2008

Con algo máis dun ano como decano da Facultade de Ciencias do Mar, Jesús Souza Troncoso, afronta unha das etapas máis ilusionantes pero tamén máis complexas para o centro co proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. Souza fala co Duvi sobre este futuro inmediato da titulación, sobre as expectativas laborais dos seus alumnos e sobre o seu propio proceso de adaptación ao cargo, que o levou a pasar de mergullarse no mar como investigador de dilatada experiencia a nadar entre papeis e trámites no seu posto como decano. Porén, aposta por manter estas dúas vertentes do seu traballo dentro do ámbito das Ciencias do Mar, sen abandonar o seu compromiso coa investigación práctica e de campo.

Vostede leva no cargo algo máis dun ano, dende o mes de marzo de 2007. Que valoración fai deste tempo como decano de Ciencias do Mar?
Cando comezas nun cargo novo os primeiros meses son de adaptación. Tes que coñecer onde estas e procurar non cambiar as cousas que funcionaban da man dos predecesores. Pero no meu caso non houbo tempo xa que, como toda a universidade española, estamos metidos no procesos de adaptación ao EEES coa creación dos novos graos e posgraos. Foi entrar e meternos na dinámica do que vai ser a nova titulación de grao de Ciencias do Mar. Ademais, no cargo, moitas veces o tempo xa cho dan organizado, hai moitos compromisos e moitas reunións e todo isto tes que compaxinalo coa docencia. Son moitas cousas, reunións internas co equipo de goberno e cos compañeiros e a externas de representación da facultade, xa que é moi importante que a xente saiba que existimos e estar en contacto cos demais actores dento do ámbito das ciencias mariñas.

Antes de asumir o cargo, vostede desempeñaba un importante labor como investigador, ademais de como docente. Como se leva este cambio vida, de pasar de traballar na auga a traballar no despacho?
Intento compaxinar as dúas cousas, pero é imposible. Agora mergullo entre os papeis e non na auga. Pero intento saír ao mar nas fins de semana, que é cando non teño ningún compromiso. Cando hai marea, para min é unha alegría porque así podo tamén cumprir con compromisos adquiridos anteriormente no ámbito da investigación. De todos modos, eu non esperaba tanto traballo, pero o tema do novo grao ocúpanos moito tempo e son moitas frontes abertas: no ámbito da calidade, cos demais decanos da Ciencias do Mar de toda España, cos compañeiros na facultade... Compaxinar é complicado pero inténtase aínda que, sobre todo, boto de menos ler e un investigador se non le non ten nada que facer. Temos que estar sempre actualizados e iso é o que boto de menos. Leo principalmente temas relacionados coa Antártida, que é o meu campo de estudo e investigación. Por outra banda está a docencia que non a deixo de lado e é cando vou á clase cando me relaxo, satisfáceme e éncheme.

Ciencias do Mar estaba chamada a ser unha das primeiras facultades en adaptarse ao EEES, xunto coas outras titulacións exclusivas. Finalmente, o vindeiro curso estréase como grao unicamente Belas Artes. Os prazos apremiaban moito?
Non deu tempo, oxalá puidésemos entrar. Tiñamos todo o apoio do equipo de goberno, con dúas ou tres reunións á semana, o que demostra o interese de todos, pero é un proceso lento porque as comisión necesitan madurar as decisións. Á hora de confeccionar o grao hai que ter en conta que Ciencias do Mar é unha titulación multidisciplinar e temos catro ámbitos moi importantes que son o ámbito xeolóxico, biolóxico, físico e o ámbito químico e temos que compaxinar os catro, adaptarnos uns a outros. Ademais temos a sorte de estar en sintonía cos outros decanos das facultades de Ciencias do Mar de toda España e temos un bloque común co que hai un consenso xeral e tentamos aproximar posturas, pero é ese proceso de coordinación, tamén coa comisión de grao e nos ámbitos de calidade, onde temos moito adiantado, o que fai que tardemos e que non nos puidésemos meter no primeiro prazo.

Adaptarse ao EEES dentro deste primeiro grao suporía moitas vantaxes?
Sería un beneficio primeiramente porque estaría o traballo feito. Tes a vantaxe de ser dos primeiros, pero tamén a desvantaxe de que vas desvirgar temas novos, atoparse cos primeiros problemas, pero os proxectos pilotos levados a cabo en titulacións como Bioloxía ou Química van permitir que a adaptación sexa moi natural. Ademais, a mobilidade vai un ser un dos temas estrela, unha das grandes apostas do novo espazo europeo. Isto vai permitir que un estudante poida ir ás demais facultades de Ciencias do Mar de Europa e que teña posibilidade de validación sen problemas e de xeito homoxéneo.

Na adaptación a Boloña, os posgraos tamén van ter un papel moi importante na especialización e tamén como signo distintivo das universidades e das facultades. Cal é a situación de Ciencias do Mar con respecto a este tema?
A nivel da facultade estamos traballando nun posgrao de Oceanografía, outro de Pesquerías, que probablemente coordinará Ciencias Económicas e Empresariais, e noutro conxunto coas outras dúas universidades galegas e as do norte de Portugal. Será binacional e interuniversitario e para a súa posta en marcha incluiranse diferentes módulos de posgraos xa existentes.
Pero neste campo queda bastante por facer. Unha vez pechemos o tema do grao entraremos de cheo, sobre todo, co posgrao de Oceanografía que será o noso signo distintivo e que xa está moi avanzado, pero aínda temos que traballar nel en función das carencias que deixe o grao. Nel queremos ofrecer varios itinerarios, facilitando a especialización tanto en xeoloxía, como en física, en bioloxía e química, darlles a opción a que poidan elixir.

A licenciatura de Ciencias do Mar foi tradicionalmente unha das titulacións estrela da Universidade e unha das máis demandadas. Como a tratou o descenso de alumnos?
Pois a verdade é que ben. A redución de matrículas foi para todos, pero tamén foi proporcionada con respecto ao número de alumnos que tiña anteriormente. A verdade é que si non houbese ese baixón posiblemente serían moitos estudantes, dende o meu punto de vista deberíamos acostumarmos a poucos alumnos por aula. Eu imparto as miñas clases en quinto e son reducidas, pero baixo con gusto á aula, é unha gozada, os que están alí preguntan e cuestionan, o interese é evidente. Ademais, as novas tecnoloxías permiten acceder dende as clases a internet, colaborar con compañeiros doutras universidades e expertos. Se un profesor está a gusto nunha clase pode facer birguerías. Pero a figura do docente ante as TIC non se debería perder, é moi importante manter o binomio mestre-discípulo e a relación e o contacto dos estudantes co profesor. Debemos convivir coas novas tecnoloxías, coa investigación punteira de nova xeración pero non debemos esquecer a figura clásica da ágora.

Ademais do EEES, o futuro tamén plantexa novos retos no ámbito da competitividade e do I+D+i. Como os afronta a facultade?
O mundo é moi competitivo e as fronteiras desaparecen, a xente móvese e, precisamente Boloña é iso, moverse. A partir de agora tamén poderemos ofrecer prácticas no resto de Europa, é moito cambio e hai que ser moi competitivos.
A Administración é a primeira en facernos ser competitivos, mídenos a produción científica non só a nivel cualitativo, senón tamén cuantitativo. O mundo real tamén nos obriga a marcar as diferenzas, as empresas demandan xente ben formada para poder contratala. Ese é o divorcio co tecido empresarial que antes se nos achacaba e, agora, estase corrixindo xa que contamos con convenios con moitas empresas para facer prácticas. Pero non nos podemos esquecer da docencia, da docencia de calidade que nos permita transmitir ao alumnos ilusión, inculcar gusto por aprender e ensinalos a buscar, máis aló de exercitar a memoria en corto para os exames. Tamén deberíamos reivindicar os libros, ler, acudir ás bibliotecas e hemerotecas.

Cales son as saídas profesionais dos titulados en Ciencias do Mar? Hai algo máis aló da investigación?
É verdade que moitos alumnos acaban dedicándose á investigación, pero é unha carreira moi multidisciplinar e tamén traballan na administración, nas confrarías, en empresas, moitos abriron as súas propias empresas, algo que nos sorprendeu moi gratamente. Moitos tamén se colocan en consultorías, en industrias conserveiras, no ámbito de acuicultura, nos buques oceanográficos...Pero queda moito por facer, porque teñen problemas en determinadas oposicións que non contemplan a súa titulación, porque as leis que as rexen son anteriores á creación da titulación.

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla permite achegar a facultade ao seu elemento principal de traballo, o mar. Como está funcionando?
A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla é un centro que se leva demandando dende a creación da facultade. Neste proxecto traballaron tanto os meus predecesores no Decanato como dende o equipo de goberno, sen a vontade política da Universidade non se houbese creado. No que se refire ás instalacións, coido que a situación é inmellorable e todos nos gustaría estar alí o 100% do noso tempo. Ábrenos unhas posibilidades infinitas, incluso para facer colaboracións con compañeiros doutros centros como do CSIC ou o IEO, porque agora temos auga de mar, temos acuarios, en definitiva, temos posibilidades que antes non tiñamos. Ata o de agora, traíamos auga de mar aos laboratorios da facultade e, para algunhas cousas, aínda o facemos. Pero algunhas investigacións con animais vivos eran imposibles e agora podemos facelo. Abriuse unha convocatoria competitiva e os grupos de investigación seleccionados están traballando xa nas instalacións de Toralla en campos como xenética, parasitoloxía, ecoloxía, zooloxía ou xeoloxía, que teñen na estación un lugar para deixar as embarcacións e as dragas. Somos uns privilexiados, é unha instalación modelo, non moitas no mundo son tan boas como esta, é un luxo que nos permite ter auga de mar, auga filtrada, a diferentes temperaturas... Podemos facer investigacións que antes non facíamos, non dende un punto de vista cuantitativo, pero si cualitativo. Aos investigadores permítelles facer outro tipo de traballos e mellorar a calidade dos proxectos.

Aínda que o proxecto está dando os seus primeiros pasos, que vai representar para a facultade a posta en marcha da Cidade do Mar?
A facultade terá unha representación dentro de Cidade do Mar, pero aínda hai que definir ben que é o que vai ser, en que vai consistir. A idea inicial baséase en colaborar entre un amplo abano de institucións e iso é boísimo porque se crean sinerxías entre diferentes grupos de investigadores e entre diversos organismo como o Instituto Oceanográfico, o CSIC ou a Universidade. Isto tamén pode repercutir moi positivamente nos posgraos, xa que para a docencia dos mesmos se require moito profesorado doutras institucións e este é un bo punto de contacto.