Nas aulas e grupos promovidos pola Vicerreitoría do campus
Música e baile tradicional reúnen no campus máis de 80 persoas
O obradoiro ‘Como bailar nun serán’ amplía a 40 as súas prazas
Máis de 80 persoas de diferentes idades fórmanse na música e no baile tradicional galego, ao abeiro das aulas formativas e dos grupos promovidos pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Como explica o director de área responsable da programación cultural, Luis Torres, a creación o pasado curso do Grupo de Música Tradicional do campus supuxo o primeiro paso para dotar a este conxunto de iniciativas dunha “estrutura con dous niveis”. O primeiro, conformado polas aulas e obradoiros que permiten tanto á comunidade universitaria como á cidadanía iniciarse ou perfeccionar os seus coñecementos no manexo de diferentes instrumentos ou nos principais ritmos do baile galego e un segundo conformado por grupos “que poidan fornecerse de membros das aulas e representar á Universidade en diferentes eventos”. De feito, no presente curso púxose en marcha o Grupo de Baile Tradicional, integrado actualmente por nove persoas, procedentes na súa meirande parte do obradoiro Como bailar nun serán, que nestes días mantén aberta a súa inscrición para o segundo cuadrimestre, no que amplían a 40 o seu número de prazas.
Debut con Carlos Núñez
Coa integrante de Leilía Montse Rivera como docente, o obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego Como bailar nun serán impártese por terceiro curso consecutivo no campus e tras cubrir novamente as súas 30 prazas en setembro, neste cuadrimestre amplía a súa participación a 40 persoas, co obxectivo “dar cabida á demanda existente”, como recoñece esta mestra de canto, baile e pandeireta. A matrícula abriuse o pasado 31 de xaneiro cun primeiro prazo para membros da comunidade universitaria, tras o que permanece aberto ata o vindeiro luns 10 o dirixido ás persoas que participaron no obradoiro no primeiro cuadrimestre. Rematado este, abrirase un último período de inscrición, o martes 11 e mércores 12, dirixido ao conxunto da cidadanía.
“O primeiro cuadrimestre foi moi ben e estase creando un interese, non só por vir as aulas, senón tamén por ir a foliadas, que era tamén o obxectivo, que a xente se vexa capacitada para ir e botar uns puntos”, salienta Rivera dunha actividade que se desenvolve, coa colaboración do Concello, no Pavillón Municipal de Deportes. Dirixida a achegar ás persoas participantes os principais ritmos do baile tradicional galego, como a muiñeira e a xota, trátase dunha aula estruturada en dous niveis, de iniciación e continuación, e complementada á súa vez con outra serie de actividades, como a proxección de vídeos que permiten coñecer traballos de recollida de bailes tradicionais.
Dando continuidade a esta iniciativa, o pasado mes de outubro nacía o Grupo de Baile Tradicional do campus. “Aquí a dinámica é completamente distinta. Pasamos dun obradoiro no que se traballan recursos e coñecementos dos movementos de baile de toda Galicia a centrarnos a montar coreografías para subir a un escenario”, sinala Rivera. De feito, dous meses despois de arrancar, o grupo participaba, ao igual que a aula de música e o coro do campus, nun concerto de Carlos Núñez no Pazo da Cultura.
Unha aula consolidada
A seguinte cita deste grupo de baile será o Concerto de Primavera do campus, no que tamén estará presente, un ano máis, a Aula Permanente de Música Tradicional Galega, unha actividade impulsada en 2017 e que permite ás persoas participantes tanto iniciarse como perfeccionar o seu manexo de diferentes instrumentos populares galegos. Dirixida polo gaiteiro Suso Vaamonde, esta actividade cubriu novamente as súas 40 prazas, en boa parte por persoas que repiten participación ano tras ano.
Parte delas incorporáronse o pasado curso ao Grupo de Música Tradicional do campus, integrado na actualidade de oito persoas e que ten como responsable a Marina Fernández Vigo, gaiteira de Sondeseu e Os Melidaos, quen se encarga tanto de guiar o ensaios “como de facer os arranxos dos temas”, explica Torres. Neste caso, a formación céntrase na preparación de diferentes pezas recollidas de cancioneiros, co obxectivo de ofrecer concertos cunha compoñente didáctica, que permitan afondar na evolución da música tradicional e no traballo de recollida de pezas populares.
Máis de 30 persoas integran o coro do campus
Xunto aos grupos de música e baile, a terceira formación de carácter permanente inserida na programación cultural da Vicerreitoría é o Coro Polifónico do Campus, que por segundo curso ten como directora a María Luisa Sánchez, tamén responsable da coral do IES A Xunqueira I. No presente curso, explica, esta agrupación está conformada por 34 persoas de entre 20 e 65 anos. Tras ofrecer o pasado ano “un pequeno concerto” e participar en actos de graduación, o coro ofreceu este curso nun Concerto de Nadal na biblioteca pública e participou tamén no concerto de Carlos Núñez.