A Vicerreitoría acolleu un acto no que se abordou como a súa poesía se viu transformada en cancións
A música centra a conmemoración do Día de Rosalía no campus
O evento sumouse un ano máis á Alborada de Rosalía
Como a obra de Rosalía de Castro foi levada á música por artistas de diferentes xéneros e xeracións e a influencia que tivo a música na poesía dunha escritora que tocaba tamén varios instrumentos foron os eixes temáticos do acto conmemorativo do Día de Rosalía de Castro que a Vicerreitoría do campus de Pontevedra promovía na noite deste luns na Casa das Campás. Da man do xornalista e presentador da TVG e da Radio Galega Moncho Lemos, esta conmemoración permitiu afondar nas pegadas que a escritora deixou na música das últimas décadas. Tras a apertura do acto por parte da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, Lemos iniciou este percorrido polo “disco fundacional” no que Amancio Prada puña música a varios poemas de Rosalía para logo viaxar desde a música dos cantautores da Transición ata o presente, no que “non é certo que xa non haxa cantautores”, como sinalou este xornalista musical.
Este percorrido pola historia recente da música galega que Lemos foi trazando a través dun coloquio co público foise entrelazando á súa vez coa interpretación de varias pezas por parte da arpista Beatriz Martínez, o guitarrista Diego Langarika e a cantante Marta Martínez. Ademais dunha canción do primeiro disco da arpista e dun tema do grupo de música tradicional Ghaveta, que estes tres músicos integran xunto con Felipe Rodicio, foron tamén os responsables de pechar este acto pondo música ao poema Alborada da escritora homenaxeada. Coa interpretación desta peza, a Vicerreitoría do campus sumábase por por terceiro ano consecutivo á Alborada para Rosalía, unha iniciativa da Fundación Rosalía de Castro e a Asociación de Gaiteiros Galegos, que, con motivo da conmemoración do nacemento da escritora, convida aos músicos e músicas galegos a interpretar unha alborada na súa honra e compartila en redes sociais.