DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arranca a programación cultural do primeiro cuadrimestre

A música, a diversión e o baile protagonizaron o concerto de Recycled J

A próxima cita musical: A banda da loba

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
Yaiza Canedo DUVI 25/10/2018

A música, o baile e a diversión encheron o Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria e convertérono nunha festa na que o artista Recycled J presentou o seu ecléctico álbum de base urbana Oro Rosa. Con este concerto, o cantante inaugurou e puxo ritmo á  programación cultural do primeiro cuadrimestre. 

Este mércores pola tarde, o cantante madrileño fixo bailar e botar a un teatro cheo de xente  que se somerxeu en sons tan diversos como o rap, o pop, a electrónica e incluso o flamenco con sinxelos tales como 31 días, Conmigo, Propaganda ou Fuego que forman parte do seu primeiro disco. Porén, o protagonista do fenómeno viral Valga la pena non desaproveitou a ocasión para dar a coñecer outros éxitos de anos anteriores, anos nos que artista era coñecido como Cool e nos que colaborou con outros cantantes como Natos&Waor, Ezzeme ou Prefijo 91. Estas composicións non decepcionaron ao público que cotinuou bailando sen pausa e mostrando unha gran sintonía co artista. Nun intre do concerto subiu ao escenario o artista Kaixo do grupo vigués de música urbana Banana Bahía Music para acompañar ao cantante.

Madrid e Barcelona xa converteran ao músico no primeiro do seu xénero en esgotar as entradas dunha actuación sen ter publicado un LP, e en Vigo as cousas non foron moi distintas, pois as persoas asistentes encheron a sala de enerxía positiva e inesgotable e mostraron unha gran complicidade co artista.

A música, o teatro e o cine continúan

O concerto de Recycled J foi só o inicio dunha programación cultural que continuará durante todo o mes de novembro e decembro, non só con música, senón tamén con cine e teatro. No caso da programación musical, o espectáculo retomarase o vindeiro 12 de decembro ás 18.30 horas coa actuación de A banda da loba composta por Andrea Porto, Inés Mirás, Marcela Porto, Estela Rodríguez e Xiana Lastra. As artistas amosarán ao público o seu estilo heteroxéneo a través do seu repertorio propio e de musicalizacións de poetas celebres, incluídas no seu primeiro traballo discográfico Bailando as rúas, un álbum que lles valeu o Premio Ari(T)mar neste ano e que lles deu un posto finalista na categoría de musica de autor nos premios Martin Codax. 

Elas pecharán o apartado musical dunha programación que tamén verá a súa fin ese mesmo día tras encher os meses de novembro e decembro con música, teatro e proxeccións cinematográficas.