DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este cuadrimestre celébrase a novena edición do seu obradoiro

A música galega regresa ao campus da man da Aula de Gaita

O grupo está formado por unha decena de persoas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 08/11/2021

A Aula de Gaita Galega tense convertido cuadrimestre a cuadrimestre nun dos obradoiros máis consolidados da oferta de extensión universitaria que organiza a Vicerreitoría do Campus de Ourense, con financiamento da Deputación de Ourense. A aula arrancou este curso académico a súa actividade coas súas dez prazas dispoñibles esgotadas e co obxectivo, unha vez máis, de ser un punto de encontro no que persoas amantes da música tradicional galega aprenden a tocar a gaita e melloran os seus coñecementos arredor desta música.

Dirixida polo músico Gonzalo Abelairas, esta aula é xunto ás aulas de teatro e danza do campus de Ourense, unha das propostas que conta nesta programación de extensión universitaria cunha traxectoria máis duradeira e cun público máis fidelizado, celebrando xa a súa novena edición consecutiva. A matrícula no seu obradoiro estivo de novo este curso académico restrinxida a dez prazas debido ás limitacións de aforo previstas polas medidas de prevención da covid-19. “Completouse o número total de prazas dispoñibles para este cuadrimestre. A maior parte da xente repite de anos anteriores, e teñen este obradoiro como o seu punto de encontro e de aulas, pero tamén temos algunha alumna nova que comeza de cero, en iniciación”, comenta o director da iniciativa.

Diferentes niveis de formación

A actividade, que arrancou o pasado 14 de outubro e continuará ata o 16 de decembro, conta con 30 horas de formación e como lugar de celebración o pavillón de estudantes do campus, onde se desenvolven as clases cada xoves pola tarde. “No obradoiro continuamos cos contidos dos anos anteriores e, segundo o nivel do alumnado, afondamos no coñecemento da gaita galega, abordando aspectos como as técnicas de gaita, os tipos de dixitación, o repertorio, a afinación ou a ornamentación, ademais de achegarse a diversos aspectos da música tradicional e á percusión tradicional”, explica Gonzalo Abelairas. Ao ter dous espazos físicos dispoñibles para o desenvolvemento das sesións, as e os alumnos divídense en dous grupos atendendo ao seu nivel de coñecementos previos, compartindo noutros momentos sesións conxuntas.

Ao igual que o pasado curso académico, o desenvolvemento do obradoiro faise atendendo ás medidas de prevención da covid-19, traballando por exemplo en pequenos grupos e empregando a máscara de xeito obrigatorio, excepto no momento específico de tocar a gaita. Ademais, as aulas onde se desenvolve a formación mantéñense ventiladas, con ventás e portas abertas, ademais de respectar o uso de xeles hidroalcólicos, as distancias e demais medidas preventivas xerais.