DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Orquesta Clásica de Vigo interpretou o tradicional concerto no Teatro Afundación

A música de Haydn e Séjourné abriu a porta ao Nadal na UVigo 

A vicerreitora da Extensión Universitaria desexou aos asistentes “un venturoso 2026”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI 10/12/2025

O Nadal botaba a andar nas últimas horas na UVigo co concerto ofrecido pola Orquesta Clásica de Vigo no Teatro Afundación, no que interpretaron o Concerto para marimba e cordas, de E. Séjourné e a Sinfonía núm. 75 en Re maior, Hob. I:88, de F. J. Haydn. A formación musical dirixida polo oventense Manuel Martínez Álvarez-Nava e que contou para a ocasión como solista co percusionista Álvaro Jurado, foi a encargada de ofrecer este ano o tradicional concerto de Nadal da UVigo na cidade olívica, que rematou coa interpretación do Gaudeamus igitur.

Arqueoloxía musical e dos sentidos co desexo dun venturoso 2026

A vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda desexou aos asistentes ao concerto “un venturoso 2026, sen guerras, sen violencia machista, sen lumes, e, en definitiva, sen sobresaltos”, logo dun 2025 “moi complicado”, dixo. Reboreda destacou na súa intervención e carácter “ritual” do concerto, así como que a musicalidade “é unha capacidade exclusiva dos seres humanos”.

Botando man da súa formación e coñecementos como historiadora, a vicerreitora centrou a súa intervención en achegar ao público unhas pinceladas sobre “arqueoloxía musical” e “arqueoloxía dos sentidos” que permiten achegar evidencias materiais das primeiras manifestacións musicais da humanidade, a través de obxectos e iconografía, pero tamén reproducindo instrumentos e realizando hipóteses sobre o custe ou as posibilidades sonoras (arqueoloxía experimental); estudando as paisaxes sonoras e as súa características acústicas (arqueoacústica); e estudando sociedades actuais que aínda conservan formas de vida primitivas (etnomusicoloxía).