O campus acolleu este xoves a primeira representación do espectáculo 'Tactus'
Música, poesía e danza no espectro 'Do audible'
Coa participación de Ana Romaní, Vertixe Sonora Ensemble, Traspediante Danza e a Aula de Acordeón de
O ciclo Do audible arrancou este xoves no campus de Ourense o seu periplo polas cidades galegas e fíxoo cumprindo o seu obxectivo de tender pontes entre a música contemporánea e outros campos de expresión. Música, danza, poesía, coñecemento e arte déronse cita no escenario cun espectáculo chamado Tactus que xogou a estimular os sentidos e a sensibilidade artística do público asistente.
Estrea da obra de Daniel Zea Kinecticut
A cita, organizada pola Consellería de Cultura coa colaboración nesta ocasión da Vicerreitoría do campus de Ourense, tivo lugar na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro e estivo aberta á asistencia de todo o público que quixo achegarse a escoitar e ver un espectáculo que se caracterizou pola súa creatividade e carácter interdisciplinar. O grupo musical Vertixe Sonora Ensemble interpretou as pezas Xerador1, Estudo sobre a carne e Estudo sobre o salto, do mexicano Hugo Morales Murguía; varias obras de John Cage e estreou Kinecticut, de Daniel Zea. O grupo contou con Pablo Coello ao saxofón; Celia Adrián ao acordeón; David Durán ao piano midi; Diego Ventoso á percusión e Ramón Souto á guitarra eléctrica.Nesta actuación en Ourense participou tamén na parte musical de Tactus a Aula de Acordeón do Conservatorio Profesional de Música da cidade, cos músicos Nicolás Fernández, Noelia González, Rocío Mosquera, Álvaro Pérez, Erea Carbajales, Xián Vázquez e José M. Domínguez, ademais da coordinación de Celia Adrián. Por último, a poesía correu a cargo da escritora Ana Romaní e a actuación de baile contemporáneo veu da man de Traspediante Danza, compañía encargada da formación da Aula de Danza do campus de Ourense e formada por Begoña Cuquejo, Nuria Sotelo, Maciek Sado e Miguel Gendre.
