No concerto promovido pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra no Pazo da Cultura
Música sinfónica e melodías tradicionais para dar benvida á primavera
Coa actuación da Banda de Música de Caldas de Reis, o pianista Javier Ares e aulas e grupos da UVigo
Preto de 500 persoas asistiron no Pazo da Cultura ao Concerto de Primavera do campus, que neste 2025 tivo como protagonista á Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, que estivo acompañada no escenario tanto polo pianista Javier Ares, como pola Aula Permanente de Música Tradicional e o Grupo de Baile Tradicional do campus. Baixo o título de Conceptos sonoros, a música sinfónica e as melodías tradicionais combináronse no programa deste concerto promovido pola Vicerreitoría coa colaboración do Concello de Pontevedra e que na noite do venres levou o escenario preto dun centenar de músicos.
A actuación abriuse con La Gazza Ladra, de Giocachino Rossini, seguida de Rhapsody in Blue, de George Gershwin, e Ross Roy, de Jacob de Haan. Logo chegou o momento de internarse na tradición musical galega coa Xota e Muiñeira de Coruxedo de Moia, na que a banda dirixida por Javier Penido compartiu escenario coa aula e o grupo de baile do campus, para continuar logo con Tangodoble, de Agustín Lara, e o Pasodobre de San Roque.
Previamente, unha actuación do Coro Polifónico do campus nas escaleiras de acceso ao auditorio serviu como preludio dun concerto que tiña entre os seus obxectivos proporcionar visibilidade ao labor que se desenvolve nas diferentes aulas e grupos que forman parte da programación cultural da Vicerreitoría.