DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A matrícula está aberta ata o 2 de outubro e os prezos varían entre os 26€ e os 40€

Música, teatro, tecnoloxía e natureza centran os obradoiros do primeiro cuadrimestre no campus de Vigo

A oferta tamén comprende cursos de lingua de signos e de xustiza terapéutica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Música
  • Teatro
  • TIC
  • Cultura
M. Del Río DUVI 18/09/2019

A música e a natureza son os dous eixos principais da oferta de obradoiros do primeiro cuadrimestre no campus de Vigo. A ideoloxía na música do século XX, os sons máis tradicionais galegos e mesmo o ukelele teñen o seu oco nesta programación, na que tamén a contorna natural ten moita presenza, con cursos de micoloxía, plantas silvestres ou agricultura ecolóxica. En total, 10 obradoiros entre os que tamén hai espazo para o teatro, a lingua de signos, a robótica e a xustiza terapéutica. A matrícula para estes talleres está aberta ata o día 2 de outubro e os prezos van dos 26€ para a comunidade universitaria aos 40€ para o público xeral.

Cogomelos, plantas silvestres e agricultura ecolóxica

Tres dos dez cursos que a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria organiza para estes meses xiran arredor da contorna natural no outono. Por exemplo, ofértase un taller de identificación práctica de cogomelos, no que ademais de aprender a diferenciar unhas especies das outras, as persoas interesadas tamén poderán coñecer receitas para cociñalos e outros usos antrópicos dos fungos. A oferta comprende tamén un taller para aprender a identificar e cociñar plantas silvestres de outono, con saídas de campo para apañar a materia prima e prácticas en cociña para facer cremas, caldos ou frituras. Un terceiro obradoiro achegará os participantes á agricultura ecolóxica, abordando tanto a planificación e deseño da horta, como a compostaxe, as pragas e as enfermidades que afectan aos cultivos.

Música para todos os gustos

Outros tres cursos da oferta cultural deste cuadrimestre teñen a música como protagonista, sons estulos e intrumentos para todos os gustos. Por unha banda, impartirase un obradoiro sobre ideoloxía na música do século XX, no que se analizarán os principais estilos, dende o punk ao rock pasando pola canción protesta ou o folk e dende Violeta Parra ou Cat Stevens ata Dylan, Patty Smith ou Bowie. Para as persoas que queiran un achegamento máis práctico, desenvolverase un curso de ukelele, para o que cada participante deberá contar co seu instrumento. Tamén regresa ao campus a aula de música tradicional, que inclúe canto, percusión, gaita e baile tradicional galego.

Lingua de signos, robótica, xustiza terapéutica e teatro completan a oferta

Un curso que repite na programación cultural é Comunícate coas man, un obradoiro que combina teoría e práctica para que as persoas participantes melloren o seu nivel comunicativo da lingua de signos española ao tempo que coñecen o contexto social, lingüístico, cultural e educativo no que se desenvolven as persoas xordas. A parte máis tecnolóxica da oferta vén da man do taller de robótica móbil para competicións, destinado a persoas con nocións básicas de electrónica e programación  que queiran aprender a montar os distintos compoñentes dun robot.

Dende o punto de vista social, tamén se oferta un obradoiro de xustiza terapéutica, que tratará de dar a coñecer este paradigma que permite previr as situacións conflitivas nas comunidades e tamén aplicar unha resposta diferente ás estritamente punitivas. O catálogo de cursos péchase con outro que xa se ten convertido nunha tradición no campus vigués, a aula de teatro, no que as persoas asistentes realizarán tanto traballos tanto corporais como vocais, e aprenderán a improvisar a partir dunha situación, dun obxecto, dun movemento e dun texto. Este taller continuará no segundo cuadrimestre coa posta en escena dunha obra que se estreará na Miteu, Mostra Internacional de Teatro Universitario.

Os cursos arrancan en diferentes datas, todos eles na primeira quincena de outubro e teñen diferentes duracións e horarios, que se poden consultar na web de Culturxest.