DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Representada polo dúo cómico "Os dous de sempre"

A música tradicional, obxecto de parodia na obra "Cantareiras"

A actuación terá lugar o mércores ás 20.00 horas no Edificio de Ferro

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 25/03/2008

Os dous de sempre, o dúo cómico coruñés formado por Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán, chega ao campus co seu espectáculo de pequeno formato, Cantareiras. A obra fai unha parodia do mundo da música tradicional galega a través da vida das cantareiras Nucha e Mucha, que á vez ofrecen un pequeno concerto. Enmarcada na Intercultural, a actuación terá lugar o mércores 26 ás 20.00 horas na aula multiusos do Edificio de Ferro.
Tras case cinco anos compartindo escenario, Os dous de sempre non son unha compañía de teatro convencional. Segundo Xosé Antonio Touriñán, un dos actores que a conforman, “o noso é facer pequenas representacións en clave de humor e próximas ao monólogo en bares e pubs máis que en circuítos clásicos. Son pezas para ver de preto, nas que o público participa e nas que non empregamos escenografía” explicou. “Ademais teñen un toque importante de improvisación, das case 100 veces que fixemos esta obra, ningunha foi igual” dixo.

Teatro para todos os públicos

Cantareiras leva en marcha catro anos cunha moi boa acollida por parte do público. “Se repetimos tantas veces é porque a resposta é marabillosa. Comezamos na nosa provincia, A Coruña, e estivemos moito tempo en circuítos da Deputación. Está é a primeira vez que vimos a Ourense e aínda que xa actuamos na universidade da nosa cidade, nos daba algo de medo actuar ante un público culto e estudiado, sendo un grupo acostumado ás tabernas” dixo Touriñán. De todos os xeitos, “a obra conta experiencias parodiando aos personaxes, polo que aínda que naceu dirixida a xente deses ambientes, está dirixida a todos os públicos, de cero a 99 anos, e xa a temos representado tanto en colexios de primaria como en asociacións da terceira idade” engadiu.