DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte acolle un taller de educación musical para a inclusión

A música une a alumnado e usuarios de Xuntos Down nunha experiencia de aprendizaxe

Promovido pola Vicerreitoría do campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 09/04/2019

Nestas semanas, oito usuarios e usuarias da etapa educativa da asociación Xuntos Down Pontevedra inícianse na música na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, no marco dun taller impulsado pola Vicerreitoría do campus. Fano acompañados e acompañadas por oito estudantes do grao en Educación Primaria desta facultade, que guían e acompañan a este grupo de nenos e nenas nas diferentes actividades que propón a profesora de música Marlene Armentero, responsable de impartir este taller de oito sesións que se desenvolve no campus desde o mes de febreiro.

"Entendemos que a Universidade é un ámbito idóneo para achegar á cidadanía proxectos que teñen que ver coa inclusión, a igualdade e o fortalecemento de propostas cidadás que coinciden coas nosas", sinala o vicerreitor do campus, Jorge Soto, deste curso de oito sesións impulsado coa colaboración de Xuntos Down. "A igualdade é un compromiso da comunidade universitaria cun proxecto común", engade Soto, quen incide na vontade da Vicerreitoría de participar "en todas aquelas iniciativas que contribúan ao progreso e a calidade vida da cidadanía da nosa  contorna". Nesa mesma liña, o profesor de Pedagoxía Musical de Ciencias da Educación e do Deporte Marco Lucato, explica que "gustaríanos repetir esta iniciativa en próximos cursos articulándoa dunha maneira máis ampla", xa que, sinala, "trátase dunha experiencia interesante para o alumnado”. Coa música como fío condutor, esta actividade busca traballar “de forma transversal a memoria, a atención, a percepción e a comunicación a través de diferentes estratexias”, engade Leticia Fernández, de Xuntos Down, que acompaña aos nenos e mozos de entre 11 e 18 anos que participan nun curso que foi adaptando as súas diferentes sesións “ás necesidades das persoas usuarias”. Nese senso, Fernández pon de relevo como nun taller que este venres celebra a súa última xornada, persoas “que non teñen estudos musicais sexan capaces de interiorizar tan ben os coñecementos impartidos”, así como o feito de “como conseguen comunicarse e expresarse con tanta facilidade” valéndose da música.

Tocar instrumentos de percusión, a realización de ritmos corporais, exercicios de respiración, vocalización, entoación e canto e un primeiro achegamento “aos elementos básicos da linguaxe musical, en interacción con outras linguaxes” centran boa parte dos contidos que integran este curso articulado en oito sesións, que Armentero articula tomando como base o seu caderno Mi, re, do. “A impresión está sendo moi grata, porque pensaba que podíamos facer cousas, pero non tantas”, salienta esta licenciada en Educación, na especialidade de Educación Musical, pola Universidad de La Habana, quen incide nas “gañas de aprender e o espírito de superación” dos nenos e mozos participantes. Do mesmo xeito, Armentero salienta o papel, axudando e titorizando ás e aos participantes, das alumnas e alumnos da facultade, “que como futuras profesoras vanse atopar ao saír con nenos e nenas con diversidade funcional nas aulas”. 

Apoio, aprendizaxe e enriquecemento persoal 

Alumna da mención de música do grao en Educación Primaria, Sara Puertas é unha das estudantes da facultade que participan nunha actividade “que me pareceu unha idea estupenda, polo que cando mo propuxeron nin o pensei” e na que o papel deste grupo de universitarias e universitarios céntrase en apoiar o traballo cos nenos e mozos con síndrome de Down participantes. “Reforzamos a actividade, se teñen dificultades axudámolos, incentivámolos para que o pasen mellor...”, explica dun curso que os usuarios e usuarias de Down “recibiron moi ben e no que están avanzando moito”. 

“Está sendo un labor realmente gratificante e unha experiencia enriquecedora para a miña formación e futuro docente”, engade Carla Sández, alumna tamén da mención de música do grao en Educación Primaria, quen explica que “a nosa participación consiste en proporcionar axuda e enriquecer musicalmente a nenos e nenas con síndrome de Down porque, a pesar de que cada un posúe habilidades e dificultades diferentes, polo xeral necesitan máis tempo para a aprendizaxe”. Nese senso, Sández recoñece como este traballo conxunto, no que tocan instrumentos cos nenos e nenas, realizan ritmos corporais ou debuxan figuras musicais “abriume un mundo que me axudou a crecer moito persoalmente”, polo que se amosa convencida que se ben os usuarios e usuarias de Xuntos Down “están aprendendo moito, eu lévome tamén moitos aprendizaxes de cada un deles”.