DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pepe Vaamonde Grupo protagonizou o concerto promovido pola Vicerreitoría no Teatro Principal

Músicas de raíz para dar a benvida a primavera

A actuación contou coa participación da Aula Permanente de Música Tradicional do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 24/03/2023

Un percorrido pola tradición musical galega, no que houbo espazo para pasodobres, xotas, muiñeiras, coplas ou carballesas, da man de Pepe Vaamonde Grupo, As Cantigas de Elena e a Aula Permanente de Música Tradicional. Esta foi a proposta que a Vicerreitoría do campus despregou na noite deste xoves nos Teatro Principal, nunha nova edición do Concerto de Primavera, que tivo como principal protagonista á formación liderada polo compositor, gaiteiro e frautista Pepe Vaamonde. Nun evento organizado coa colaboración do Concello de Pontevedra, esta formación presentou o seu espectáculo O mellor dos catro elementos, no que propoñen un percorrido polos catro traballos discográficos que editaron ao longo de máis de dúas décadas de traxectoria musical.

A través da combinación de pezas instrumentais de composición propia e cancións tradicionais, a banda que integran Vaamonde, o guitarrista Pipo Alvariño, o baixista Jesús Vidal, o percusionista Miguel Anxo López e a acordeonista Miryam González repasaron algúns dos temas reunidos en catro traballos que, como explicou Vaamonde, naceron da “idea peregrina de dedicar cada disco a un dos catro elementos”. Auga, vento, terra e lume foron nese senso os fíos condutores, respectivamente, de Aviouga (2002), Onde nace o vento (2005), Introterra (2009) e Nas Pedras do Lar (2015), discos que repasaron nunha actuación na que tamén estrearon dúas composicións que formarán parte do seu próximo traballo.

Mais Pepe Vaamonde Grupo non foi o único protagonista deste Concerto de Primavera, que esta formación abriu e pechou acompañada do grupo de gaitas e percusión da Aula Permanente de Música Tradicional do campus, na que 46 persoas fórmanse no manexo de diferentes instrumentos populares baixo a coordinación do gaiteiro Suso Vaamonde. Así mesmo, unha vintena de alumnos e alumnas acompañaron coas súas zanfonas, acordeóns e ocarinas á cantareira pontevedresa María Vidal na interpretación da Xota do Vilar. Previamente, Vidal interpretará xunto a Alvariño e González varias das coplas que recolleron no seu disco As cantigas de Elena, nunha actuación que contou tamén coa participación dun bailador e unha bailadora, así como coa intervención da Vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, que lembrou que este concerto forma parte da programación de extensión universitaria, aberta á cidadanía, que UVigo impulsa na cidade.