DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade elabora un decálogo de consellos para unhas festas con menos impacto ambiental

Este Nadal, consumo con sentidiño

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI 19/12/2018

Nestas datas gástase máis en todos os ámbitos da vida diaria e, por tanto, aumenta o impacto ambiental do consumo. Neste senso, todas as persoas son responsables das súas prácticas e dos impactos que estas teñen na sociedade e no medio ambiente. Por iso, a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación elaborou un decálogo de consellos que tenta sensibilizar á comunidade universitaria sobre pautas para un Nadal sostible. O obxectivo é concienciar sobre un consumo ético e responsable dos recursos escollendo un estilo de vida no que a elección de produtos e servizos sexa a combinación de criterios coma a calidade, o prezo, o impacto ambiental e social, e a ética das empresas.

O documento, que incide en lograr un Nadal que cause menos impacto ambiental, creouse de acordo co obxectivo 12 da Axenda 2030 creada pola ONU,  que define o consumo e a produción sostible como o fomento e o uso eficiente dos recursos e da enerxía de tal forma que non danen o medio ambiente, consumindo só o preciso dentro dos límites biofísicos do planeta e facendo máis e mellores cousas con menos recursos. A través destas medidas, contribúese non só nun eido de desenvolvemento sostible, senón que tamén se consigue unha mellor calidade de vida para todos e todas. 

Consellos para un Nadal sostible

Os fogares inflúen nos impactos ambientais a través dos seus hábitos e eleccións alimentarias, así coma tamén na xeración e xestión dos residuos. Por iso, o decálogo pon o foco en que neste Nadal se elixan produtos de proximidade, que non exista improvisación á hora de realizar as compras e que se teña moi en conta a cantidade de persoas que van a comer. No referido á xeración e xestión dos residuos, aposta por reducir os refugallos, reciclar e reempregar, non só no que se refire á comida, aproveitando todas a sobras que se podan ter, senón tamén cando falamos de elaborar a decoración ou facer os tradicionais agasallos. A creatividade con materiais reciclados, o comercio xusto ou as tendas solidarias son tamén unha forma de reducir o impacto ambiental dos hábitos de consumo durante estas datas. 

Noutro eido, referido á eficiencia enerxética, e tendo en conta que nesta época hai máis frío, este decálogo recomenda poñer a calefacción arredor dos 20º e que a auga quente  non pase dos 60º. Así mesmo, tamén se remarca a necesidade do uso do coche compartido ou  transporte público de cara a conseguir unha redución nas emisións de CO2. 

Por último, tal e como se recolle no documento elaborado pola Universidade,  non está de máis pedirlle aos Reis Magos que aumente a conciencia social polo planeta e que as diferentes autoridades públicas tomen e fomenten as medidas necesarias para poder construír un futuro mellor para todas e todos nun marco de desenvolvemento social e económico sostible.